Luís Seara, candidato do BNG, viaxa este luns a Bruxelas para manter varias reunións.

Luís Seara, candidato do BNG, viaxa este luns a Bruxelas para manter varias reunións, entre elas, co Comité das Rexións e coa Comisión Europea co fin de trasladar a realidade de Ourense e coñecer polo miúdo os Plans e os Fondos europeos aos que o concello pode optar

O obxectivo non é outro que dar a coñecer a realidade actual de Ourense, máis concretamente a situación da zona histórica, e poder crear canles estables de comunicación coas institucións europeas para a captación de Fondos e Plans europeos

Ourense, 05 de marzo de 2023. O Portavoz e candidato do BNG á alcaldía do Concello de Ourense Luís Seara, viaxa este luns 6 de marzo a Bruxelas. Faino acompañado por Sonia Albor e Xosé Carballido dúas das persoas que conforman a candidatura nacionalista ao concello.

PUBLICIDADE ELECTORAL

A viaxe, na que participa activamente a Eurodeputada nacionalista Ana Miranda, ten por obxectivo dar a coñecer a situación na que actualmente se atopa a zona histórica da cidade e coñecer polo miúdo os Plans e os Fondos europeos dispoñibles e aos que o concello poida optar.

Tal e como avanza o propio Luís Seara, “desprazarémonos a Bruxelas para ter unha serie de reunións, e levar a problemática á Institución Europea. Neste momento, a UE ten numerosos programas para rehabilitación de zonas históricas e por iso queremos trasladar de viva voz as propostas que temos en relación con este marabilloso espazo da cidade e pedir compromisos que permitan sacar ao noso concello deste círculo vicioso no que está inmerso desde hai anos, e que de non atallalo lévanos á autodestrución”.

Para Seara, “tamén é responsabilidade dun alcalde petar en cantas portas sexa necesario e trasladar as problemáticas do concello alí onde poden obterse solucións”, e engade, “para o BNG é importante que se coñeza a realidade de Ourense alí onde nos poden axudar a mudala, algo que por certo, xa teñen feito outras cidades no pasado”.