O BNG de San Cibrao das Viñas pide explicacións ao Goberno Local trala sanción, superior ao millón de euros, imposta por verquidos ilegais ao río Barbaña nos anos 2008 e 2019

Desde a formación nacionalista queren que o Goberno Local do PP explique como sendo coñecedor como era dos verquidos altamente contaminantes, non realizou accións suficientes para que se corrixise esta situación

Solicitarán tamén que se tomen medidas urxentemente para garantir que non se continúan a verter residuos altamente contaminantes ao río Barbaña, e se proceda o antes posible coa obra necesaria para garantir un correcto procesamento de residuos no Concello

AVANTAR ACTIVIDADES

San Cibrao das Viñas, 02 de marzo de 2023. O BNG no Concello de San Cibrao das Viñas ven de solicitarlle explicacións ao actual Goberno Local logo de que a xustiza confirmara a sanción imposta polo Consello de Ministros ao concello polos verquidos contaminantes ao río Barbaña nos anos 2008 e 2019 e polo que terá que pagar un total de 1.184.745 euros ademais dos costes procesais e que ascenden a 4.000 euros.

O candidato nacionalista á alcaldía de San Cibrao das Viñas, Artai Gavilanes, é claro á hora de afirmar que, “non se entende como sendo o concello coñecedor de que se producían verquidos altamente contaminantes, non realizou accións suficientes para que, nun prazo máis que suficiente, pois levamos máis dunha década dos mesmos, se corrixise esta situación”.

Segundo Gavilanes e tal e como argumenta a xustiza na sentenza, “existe culpabilidade na súa forma máis intensa e non houbo intención de remediar a situación, xa que se seguiu solicitando e asumindo dende o propio concello a concesión destes verquidos contaminantes”, ao que engade, “o concello era o responsable de tomar decisións para controlar ditos límites, denegando ou condicionando autorizacións ou avanzando na mellora das instalacións depuradoras, obra que debe liderar o Concello”.

Desde o BNG de San Cibrao piden que o concello aclare “por qué non se tomaron medidas para corrixir esta situación de agravio medioambiental, sabendo que o concello tiña a responsabilidade de actuar para garantir un correcto saneamento. As responsabilidades non poden ser evadidas”. Igualmente, solicitan que se tomen medidas urxentemente para garantir que non se continúan a verter residuos altamente contaminantes ao río Barbaña, e se proceda o antes posible coa obra necesaria para garantir un correcto procesamento dos residuos no Concello.