Marina Ortega do grupo socialista lamenta o “negacionismo, resignación e políticas retrógradas” do goberno galego fronte ao reto demográfico

Marina Ortega reclama “ideas, traballo e investimento” de tódalas consellerías e presenta un plan de nove eixos para a recuperación da natalidade

O PP vota en contra dun plan contra o despoboamento e desequilibrio territorial en Galicia

AVANTAR ACTIVIDADES

Santiago de Compostela, 07 de marzo de 2023. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, criticou hoxe o “negacionismo, resignación e políticas retrógradas” do goberno galego fronte á crise demográfica de Galicia. Ortega presentou unha moción con nove eixos contrastados polo Foro Económico de Galicia, as universidades e a Plataforma Galicia Baleira para recuperar a natalidade, que son rexeitados por un PP que defende a un goberno “resignado e sen ideas”.

Ortega acusou ao PP e á Xunta de “negar unha realidade cifrada e documentada” e de “enganarse a si mesmos”, asumindo que “non hai nada que facer e simplemente crúzanse de brazos”. Dixo que “os galegos e as galegas non se merecen un goberno resignado que non faga nada mentres se abandonan as nosas aldeas e pobos”, ata converter a Galicia na autonomía con peor saldo vexetativo de España, con zonas con menos densidade de poboación que Siberia.

A parlamentaria socialista presentou hoxe un plan plan contra o despoboamento e desequilibrio territorial en Galicia con 9 puntos para frear o declive demográfico de Galicia, a raíz das aportacións do Foro Económico de Galicia, os estudos de universidades e especialistas na materia e de plataformas veciñais como Galicia Baleira.

Marina Ortega dixo que “é hora de que Galicia pase da teoría aos feitos, que pase de limitarse a medidas natalistas dunha única Consellería” a un traballo coordinado e multidisciplinar do conxunto do goberno”.

Reclamou que as 11 consellerías “aporten ideas, traballo e investimento”, porque “mentres non entendan que o reto demográfico é transversal, non estaremos a facer absolutamente nada para atallar os malos datos demográficos de Galicia”. Criticou que continúen “a desprezar as propostas de 400 asociacións veciñais que loitan para evitar o despoboamento en Galicia” aglutinadas en torno a Galicia Baleira, que levan agardando 9 meses a ser recibidos polo presidente da Xunta.

Propostas

A deputada socialista presentou unha batería de propostas dirixidas a recuperar a natalidade en Galicia, partindo de medidas dirixidas a recuperar o poder adquisitivo perdido na crise de prezos ou incentivar a autónomos e empresas que se asenten en zonas despoboadas. Reclamou un catálogo de prestacións de servizos públicos “que garanta a calidade e igualdade de sanidade ou educación pública en todo o territorio”.

Engadiu a necesidade de políticas de vivenda pública, un plan intensivo de inclusión financeira para recuperar as oficinas bancarias pechadas nos últimos cinco anos, así como comprometer orzamento e políticas laborais adaptadas a cada territorio. Reclamou unha rede de transporte público que garanta o acceso á mobilidade de toda a poboación, o reforzo do sistema de bolsas de educación posobligatoria e desenvolver un plan retorna con incentivos.

Advertiu que o goberno galego dispón de “máis fondos estatais e europeos que nunca”, mentres o goberno de Pedro Sánchez “puxo sobre a mesa un plan dotado de 10.000 millóns de euros para atallar o reto demográfico”.  Instou ao goberno galego a asumir a súa responsabilidade e tomar a iniciativa porque “temos os recursos, temos o feedback dos concellos a pé de rúa, e temos propostas”.