Gabriel Alén destaca a participación dos cidadáns no éxito da reciclaxe dos residuos domésticos

“O mellor residuo é o que non se produce”, sentenciou o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, na clausura da conferencia final ‘Ecoval Sudoe: Hacia una gestión circular de biorresiduos urbanos y lodos de  depuradora’ que se desenvolveu esta mañá no Auditorio de Ourense.

O delegado territorial, acompañado da directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, María Sagrario Pérez, incidiu no consumo racional, consciente e responsable, pois constitúe o primeiro elo dunha cadea colaborativa que se afana en minimizar o impacto do residuo sobre a contorna, priorizando desta forma a súa recuperación e transformación nun novo recurso. E significou a activa participación dos cidadáns para avanzar cara á sustentabilidade e un desenvolvemento no que convivan de forma equilibrada e harmoniosa o crecemento económico, a protección ambiental e a cohesión social.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén recoñeceu que, aínda que a xestión dos residuos domésticos é unha competencia municipal, a Xunta seguirá ao carón dos concellos para axudarlles a cumprir coas súas obrigas e cos obxectivos marcados a nivel comunitario. Un exemplo desta colaboración é a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais, que ten entre os seus obxectivos garantir que a gran maioría dos 295 concellos adscritos a Sogama dispoñan dunha planta de compostaxe ou de transferencia a menos de 50 km de distancia.

E lembrou que que as entidades locais teñen de prazo ata o 31 de decembro de 2023 para implantar o contedor marrón e recoller a través do mesmo e de forma diferenciada a fracción dos biorresiduos.

Para iso, destacou Gabriel Alén, “o obxectivo é que as catro instalacións de compostaxe que integran a Rede de infraestruturas autonómicas para a valorización da materia e as 13 plantas de transferencia nas que se apoiarán —cun investimento de máis de 40 millóns de euros— reciban un pulo definitivo en 2023 e vaian entrando en servizo de forma paulatina”.

Planta de biorresiduos de Verín

A Xunta de Galicia está a construír unha planta de biorresiduos en Verín que adxudicou por preto de 6,7 millóns de  euros. A instalación, que se localizará no polígono industrial de Pazos, ocupará unha parcela de case 12.000 m2 pola que Sogama desembolsou máis de 500.000 euros. Terá capacidade para tratar 3.000 toneladas anuais de materia orgánica e 1.600 toneladas de material estruturante, e estímase que producirá 1.500 toneladas/ano de compost, un abono de alta calidade que se aplicará no sector da agricultura e da xardinería, en substitución dos fertilizantes artificiais.

O proceso de compostaxe desenvolverase integramente nesta planta —pretratamento, fermentación, maduración e almacenamento—, que estará equipada coas tecnoloxías máis innovadoras en depuración de augas e aire, así como en redución do nivel de ruídos, garantindo con isto unha operativa respectuosa coa contorna máis inmediata.

Así mesmo, as instalacións estarán alimentadas con fontes renovables, sendo autosuficientes desde o punto de vista enerxético.

A previsión é que dea servizo a 22 concellos, que aglutinan unha poboación superior a 48.000 habitantes, e integrarase na rede de infraestruturas promovida e deseñada pola Xunta de Galicia a fin de que a meirande parte dos concellos adheridos a Sogama accedan á valorización da materia orgánica a través da compostaxe.