A Xunta reforza o material das agrupacións de Protección Civil con tendas de campaña de emerxencias

Entrega a Protección Civil de concellos da provincia de tendas de emerxencia

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou hoxe na entrega de tendas de campaña de emerxencias destinadas ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) da provincia ourensá. En concreto, beneficiáronse destas dotacións as agrupacións con sede nos concellos de Avión, Os Blancos, Calvos de Randín, Castrelo de Miño, Celanova, Melón, San Xoán de Río, Sarreaus e Vilardevós.

No conxunto da comunidade recibirán este tipo de material unha trintena de municipios, o que supuxo un investimento de máis de 93.600 euros. Así, ademais das 9 AVPC da provincia de Ourense, tamén contarán con cadansúa tenda de emerxencias 8 agrupacións da provincia da Coruña -Malpica, Betanzos, Boiro, Narón, Cabanas, Carnota, Dumbría e Fisterra-; outras 9 en Lugo – Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Meira, Palas de Rei, Portomarín, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober – e as 4 restantes na provincia de Pontevedra -Agolada, Moraña, Portas e Vila de Cruces-.

AVANTAR ACTIVIDADES

As tendas de campaña están habilitadas para ser despregadas en situacións de emerxencia e que ofrecen ademais facilidades para o seu transporte, montaxe e desmontaxe.

Este material enmárcase na liña de axudas do ano pasado dotada con case 1M€ e destinada á adquisición de equipamentos para mellorar o equipamento de agrupacións de 122 concellos galegos -24 deles da provincia de Lugo- e a Mancomunidade Terra de Celanova. Entre o material cedido inclúense xunto coas 30 tendas de campaña para emerxencias como as 9 entregadas hoxe, 8 vehículos todocamiño, 8 remolques para a atención das emerxencias, 8 coitelas para a retirada de neve, 20 esparexedores de sal, 11 embarcacións pneumáticas, e máis dun cento de desfibriladores.

A Xunta mantén o compromiso coas 234 agrupacións da comunidade tanto a través desta orde para reforzar o seu equipamento como nas subvencións anuais destinadas a colaborar nos seus gastos de funcionamento e que na convocatoria deste ano conta cun orzamento de  340.000 euros e que supuxo nos últimos anos achegas por riba dos 4M€.

O director xeral de Emerxencias e Interior lembrou que pese a tratarse dunha competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación- a Xunta asume máis da metade do custo anual dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES) e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento.

No que respecta á dotación de material, o investimento do Goberno galego para que os efectivos dos servizos de emerxencias -Protección Civil e GES- conten co equipamento necesario co que poidan realizar as súas intervencións con seguridade e eficacia ascende a máis de 24M€, dos que 15M€ corresponden aos recursos cedidos ás AVPC.  

Santiago Villanueva lembrou que este compromiso se mantén nos orzamentos de 2023, nos que se destina novamente 1M€ á dotación do equipamento necesario. Nesta liña, incidiu na importancia de que os servizos de emerxencia municipais conten co mellor equipamento para realizar as súas intervencións con seguridade e eficacia.

Co obxectivo de contar con profesionais ben formados e preparados, tamén puxo en valor o traballo levado a cabo desde a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para a formación dos efectivos de emerxencias.