O PSOE do Irixo lamenta o “estado de abandono” dos pobos e estradas

O Grupo Municipal Socialista de O Irixo lamenta o estado de abandono da maioría dos pobos do Irixo despois de 4 anos. A súa crítica fixérona a través do seguinte comunicado:

“O Grupo Municipal Socialista de O Irixo lamenta o estado de abandono da maioría dos pobos do Irixo despois de 4 anos de desgoberno e despilfarro de Manuel Cerdeira.

AVANTAR ACTIVIDADES

Catro anos nos que o alcalde e o seu equipo de goberno non pasaron pola maioría dos pobos do Irixo para agora apenas 8 semanas das eleccións convocar a veciñanza a reunións para vender fume de carozo…

Lamentan os socialistas que a pesar de ter dedicación e soldo varios concelleiros do grupo de goberno non foron quen en 4 anos de preocuparse por arranxar os pobos e mellorar a calidade de vida da súa veciñanza.

O portavoz socialista do Irixo, Iago Fariñas Valiña, anuncia a partir do 28 de maio a elaboración urxente dun plan integral de servizos básicos nos pobos do Irixo, co arranxo a conciencia dos camiños de tódolos pobos do Irixo, a mellora e construción de accesos ou o suministro da auga corrente e o saneamento a totalidade da veciñanza do Irixo como cuestión básica e prioritaria entre outras moitas, todo elo fronte a política do actual alcalde e o seu grupo de goberno de viaxes, festas e paparotas con despilfarro de diñeiro público…

É autenticamente lamentable o descaro por parte do alcalde e o grupo de goberno, que a 8 semanas das eleccións e despois de 4 anos de parálise e desgoberno acórdanse de convocar a veciñanza e visitar os pobos…

O Irixo non se pode permitir 4 anos máis de parálise e despilfarro constante en viaxes,  festas e paparotas mentres os pobos esmorecen sen servizos básicos e o alcalde e o seu goberno se dedican a viaxar e festexar a conta da veciñanza do Irixo…”