O Psdeg-Psoe reclama un proxecto termal público para río Caldo fronte a deriva privatizadora do pp cun espazo público que debe ser referente no municipio

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Denuncia que o PP e a alcaldesa de Lobios “pretenden regalar os terreos exteriores, xunto coa piscina termal, a Caldaria, co obxectivo de privatizar o único que queda en mans públicas no eido termal”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Lembran que a humanización e acondicionamento da zona termal exterior “é unha reivindicación histórica da veciñanza, co gallo de crear un espazo atractivo, de xestión pública e en mans do concello, que complete, e se complemente, coa oferta xa existente”

Lobios, 25 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE vén de celebrar unha concentración en defensa do patrimonio termal de Lobios para reclamar un proxecto termal público en Río Caldo fronte a deriva privatizadora do Partido Popular, que quere rematar cun espazo público que debe ser un referente municipal, comarcal e provincial. No acto, organizado polos socialistas de Lobios, participaron ducias de veciños e veciñas do municipio que amosaron o seu descontento pola decisión do PP de “regalarlle” estes terreos públicos a unha empresa privada. Estiveron arroupados polo líder dos socialistas ourensáns, Rafa Villarino; polo deputado nacional, Adolfo Pérez Abellás; pola deputada, Uxía Tizón; pola parlamentaria autonómica, Carmen Rodríguez Dacosta; e pola deputada provincial, Susana Rodríguez Estévez.

Nas últimas semanas tivo lugar a presentación do anteproxecto de ampliación do balneario de Lobios, que tal e como apuntan os e as socialistas do municipio “serviu para que comprobaramos que o concello, liderado pola súa alcaldesa, Mari Carmen Yáñez cederá, máis ben regalará, os terreos exteriores, xunto coa piscina termal, a Caldaria, co obxectivo de privatizar o único que queda en mans públicas no eido termal”. Trátase dun proxecto que correrá a cargo da Deputación Provincial de Ourense, algo que en palabras do PSdeG-PSOE “é un escándalo, xa que con cartos públicos vanse regalar estes terreos a unha empresa privada, nunha clara manobra electoralista, en vésperas das municipais que se celebrarán o vindeiro 28 de maio”.

Dende o PSdeG-PSOE lembran que a humanización e acondicionamento da zona termal exterior do complexo termal de Lobios “é unha reivindicación histórica dos veciños e veciñas, co gallo de crear un espazo atractivo, de xestión públicas e en mans do concello, que completase, e se complementase, coa oferta xa existente”. Neste senso os e as socialistas consideran que un proxecto público e xestionado polo concello “permitiría ofrecer un servizo que serviría para fidelizar a numerosos turistas e que convertería a Lobios nun referente termal, xa que os mananciais de Río Caldo son dos que emana a temperatura máis alta de Europa, con 77 graos”.

O secretario de organización do PSdeG-PSOE de Lobios, Patrick Rodríguez, foi o primeiro en tomar a palabra para agradecer a todos e todas a súa presencia neste acto reivindicativo. Tamén quixo facer fincapé en que “a maior protesta será o vindeiro 28 de maio nas urnas para que poidamos gañar as eleccións e darlle a Lobios o futuro e o lugar que merece”. O socialista aproveitou para lembrarlle a Manuel Baltar e a alcaldesa de Lobios que “co patrimonio, o termalismo e co futuro do noso municipio non se xoga”.

Pola súa banda, o candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía de Lobios, Iván Rouco, quixo subliñar que “estamos ante un paraíso, un lugar público para todos e todas e que por culpa do PP e da súa alcaldesa converterase nun recinto privado, regalado a unha empresa que pecha cando lle da a gana e que incumpre de xeito flagrante o convenio asinado fai 20 anos”. O cabeza de lista do PSOE en Lobios sinalou que “queremos que este sexa un complexo termal público e de calidade, no que se creen postos de traballo e que se converta nun referente termal na nosa provincia”.

Rouco aproveitou a súa intervención para sinalar que “traballaremos para que este sexa un proxecto público e vimos de recoller firmas da maioría dos comuneros de Río Caldo para que se convoque unha asemblea extraordinaria da xunta reitora co único punto da orde do día no que se debata a titularidade dos terreos onde se asenta o hotel-balneario e nos que se prevé levar a cabo o proxecto termal exterior”. O candidato socialista tamén quixo recalcar que “imos loitar por un termalismo público, por un complexo termal en condicións e por darlle a Lobios o impulso que precisa”.

Por último, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, sinalou que unha empresa privada “non se pode facer cos terreos que son da veciñanza e a Deputación de Ourense non pode coller os cartos públicos para financiar un anteproxecto que a día de hoxe non temos constancia que conte co visto bo da Confederación Hidrográfica”. O líder dos socialistas ourensáns afirmou que esta situación “é un expolio que non podemos consentir e un atropelo que o PSdeG-PSOE non vai permitir”.

Os e as socialistas tamén puxeron o foco nos “lamentables” precedentes da xestión do hotel-balneario por parte de Caldaria, xa que tal e como apuntan “hai peches intermitentes dende hai anos, totalmente inxustos e inxustificados, co conseguinte e consecuente prexuízo económico e social para o municipio e laboral para os traballadores e traballadoras”. Dende o PSOE de Lobios consideran que esta manobra do PP “hipotecará e condenará o futuro de Lobios, en troques de apostar por un termalismo público e ao servizo do pobo”.