O BNG denuncia as prácticas caciquís e o uso partidista de recursos públicos por parte de Jácome ás portas das eleccións municipais

Para a formación nacionalista, aquel que viña a mudalo todo e a rematar co poder establecido e coas prácticas caciquís de Baltar, actúa agora exactamente igual, empregando recursos públicos en beneficio propio e con fins claramente electoralistas

Ourense, 31 de marzo de 2023. Para o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, a presentación esta mañá en sociedade dun dos autobuses eléctricos que en teoría, entrarán en funcionamento nas vindeiras semanas, evidencian o uso partidista e electoralista dos recusros públicos por parte do actual rexedor, sabedor de que a partir do día 4 de abril non poderá facer ningúna inauguración nin anuncio.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para a formación nacionalista, non deixa de ser chamativo que aquel que ao longo dos anos, cando estaba na oposición, criticaba e cuestionaba continuamente as prácticas caciquís de Baltar e o uso partidista que este fai das institucións e dos recursos públicos, agora, desde a alcaldía, fai exactamente o mesmo.

O uso partidista e o gasto continuado e inxente de recursos públicos en propaganda e en anunciar proxectos, moitos deles esquecidos posteriormente ou de difícil implementación, levan sido unha constante ao longo do presente mandato, mesmo retrasando deliberadamente acordos plenarios e medidas adoptadas hai dous anos, como é o caso dos bonos comercio, a través dun acordo unánime da Corporación, pero que Jácome pretende empregar agora con fins electoralistas.

No BNG teñen claro que tanto PP como DO son as dúas caras dunha mesma moeda, algo constatable, segundo os nacionalistas, no feito de que os seus máximos representantes, Baltar e Jácome, actúan da mesma maneira ao empregar a Deputación e o Concello para o seu puro interese persoal.