O novo centro de saúde de Boborás pronto será unha realidade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Xunta vén de adxudicar a redacción do proxecto básico e de execución e dirección de obra do novo centro de saúde de Boborás.

O contrato foi adxudicado á sociedade mixta Pablo Falcón Novoa-Cesáreo Padrón Conde-Iago Pérez Fernández por un importe de case 74.500 euros.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Unha vez adxudicado e asinado o contrato, a empresa disporá dun prazo de 3 meses para entregar o proxecto básico e de 2 meses para presentar o proxecto de execución, unha vez que se informe favorablemente do proxecto básico.

O obxectivo é definir unha idea global do edificio e da súa urbanización, coa súa concepción construtiva e instalacións.

O orzamento para a execución das obras do novo centro de saúde de Boborás está estimado en 1,24 millóns de euros, un investimento da Xunta que se determinará finalmente no proxecto de execución.

O novo centro de saúde
A proposta de execución do novo centro de saúde busca a mellor integración co medio en todas as súas vertentes: implantación da parcela, volumetría, deseño e utilización de materiais característicos da zona como a pedra e a madeira.

O edificio será un elemento lonxitudinal, paralelo á vía de acceso Evaristo Riande, próximo ao bordo sur da parcela. O peche será un tradicional muro de cachotería que separará o edificio da vía pública e dará privacidade.

Na zona norte da parcela conservarase a maior parte das árbores autóctonas existentes, que se complementarán con novas árbores adicionais, dotando ao conxunto dun carácter natural.

Prevese a apertura de patios e espazos acristalados que introduzan a visión da natureza no edificio, e espazos axardinados como un patio de entrada ou un patio lonxitudinal na zona de consulta. Tamén se aproveitará ao máximo a luz natural, prestando especial atención ás zonas de consulta.

En canto á distribución, na planta baixa desenvólvense zonas de consultas e de espera, que se dividen en dúas zonas separadas pola zona de acceso e recepción. Na planta superior proxéctase un pequeno volume que alberga os espazos privados para o persoal.

A área sanitaria contará con 2 consultas de medicina xeral, 2 de enfermería, unha zona de espera e 1 cuarto da muller con aseo propio.

Tamén haberá unha zona respiratoria, con sala polivalente e sala de espera separada, e unha zona de atención multiusos adicional.

Cómpre lembrar que o terreo ten unha superficie de 6.247,31 m2 e foi posto a disposición polo Concello. A Deputación de Ourense achegará 186.000 euros para a urbanización dos terreos, un orzamento que inclúe un aparcadoiro de 70 prazas, parada de autobús, beirarrúas e colectores para a xestión de residuos.

O Concello está a urbanizar esta parcela, dotándoa de servizos urbanos e beirarrúas e incorporando tamén unha zona de aparcamento na parte traseira que dará servizo ao conxunto de kits que se están a construír nesta zona.

De acordo co programa funcional e espacial, o centro de saúde incrementará a superficie actual case un 40%. Máis polo miúdo, o novo centro acadará unha superficie construída de 663,60 m2 e unha superficie útil de 592,50 m2.

A execución deste novo centro de saúde é froito do convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Sanidade e o Concello de Boborás. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, é a encargada da licitación e execución das obras, seguindo a orde da Consellería de Sanidade.