A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a concesión de 1 millón de euros en subvencións para financiar a execución dunha trintena de proxectos formulados por concellos e axudar á realización de iniciativas económicas, sociais e culturais de entidades privadas.
No capítulo de cooperación municipal, aprobáronse as seguintes axudas: 50.000 euros para a Mancomunidade voluntaria de municipios do Ribeiro para gastos de funcionamento do presente ano; 46.000 euros para a pavimentación e reforma de espazos públicos no Concello de Baltar; 48.000 para obras de abastecemento e saneamento en seis núcleos de poboación de Cartelle; e a mesma cantidade para unha cuberta para vehículos xunto ao edificio do concello en Castrelo de Miño.
Leiro recibirá dúas achegas: 7.000 euros para unha guía turística e 48.000 para as novas gradas do campo de fútbol de San Bartolomé. O Concello de Monterrei disporá tamén de dúas subvencións por importe de 48.000 euros cada unha para obras en Vilaza e acondicionamento de firme en cinco localidades. Muíños recibirá 12.000 euros para o “Xurés Experience” e Padrenda 48.000 para mellora de camiños.
A Xunta de Goberno tamén deu o visto bo a unha axuda de máis de 59.000 euros para financiar proxectos en Porqueira; 18.000 para asesoramento urbanístico en Punxín; 48.000 para asfaltado de vías municipais en Rairiz de Veiga; 10.000 para a Feira do Viño de Ribadavia; 15.000 para mobiliario e equipamento do concello na Rúa; case 23.000 para o plan de rutas de sendeirismo en Xunqueira de Ambía; e 30.000 euros para o Punto de Atención á Infancia de Sandiás.
Catorce iniciativas de entidades
No apartado de colaboración con entidades, a Deputación subvencionará catorce iniciativas entre as que figuran 40.000 euros para a Fundación de Protección de Discapacitados Psíquicos de Celanova para gastos de funcionamento; 50.000 para programas de inserción laboral da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI); 6.000 para a asociación cultural ecoloxíca-educativa Arteficial con destino ao festival do mesmo nome; 5.000 euros para as actividades da asociación cultural Rebulir; e 6.000 euros para o colectivo Ribadavia Activa-T pola organización da Noite Meiga.
A Fundación Feiras e Exposicións de Ourense contará con dúas achegas: 40.000 euros para “Ourense Vinis Terrae” e 15.000 para o “Mercado Transfronteirizo”. A Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos (ATAVE) recibirá 50.000 euros para o seu plan formativo; e 200.000 o Foro La Región. A Confederación Empresarial de Ourense vai contar con 8.000 euros para os actos do seu 45 aniversario; 6.000 euros terá a Fundación Estanislao Reverter para a promoción do Alpinche; 20.000 o Club Automóbil Talariño para a subida a Vilar de Barrio; 12.500 o Cidade das Burgas Fútbol Sala; e 6.000 euros a Agrupación Cultural Breogán para a renovación de vestiario.
Axudas para a organización de actividades culturais e recreativas
Na Xunta de Goberno desta mañá aprobáronse tamén as bases de senllos concursos de axudas para a organización de actividades culturais e recreativas en 2023, tanto para concellos como para entidades sen ánimo de lucro.
No que respecta ás entidades locais, disporase dun orzamento total de 75.000 euros, consistindo as subvencións nunha porcentaxe máxima do 50 % do custo total de cada proxecto para os concellos de máis de 5.000 habitantes. Esta porcentaxe será do 70 % no caso dos municipios cunha poboación superior. En ningún caso a contía das axudas será superior aos 10.000 euros.
Para as entidades sen ánimo de lucro, a convocatoria ten un orzamento de 100.000 euros, consistindo as subvencións nunha porcentaxe máxima do 50 % do custo total de cada proxecto, tamén sen superar en ningún caso os 10.000 euros.
Tanto os concellos como as entidades privadas poderán presentar ata un máximo de dúas solicitudes, considerándose actividades culturais aquelas que teñan por obxecto o fomento das diversas manifestacións culturais da sociedade ourensá, así como o estudo, difusión, exaltación ou posta en valor do patrimonio cultural material ou inmaterial, neste último caso tamén as festas e celebracións de carácter tradicional ou senlleiro. Como actividades recreativas establécense aquelas de lecer de carácter público e gratuíto promovidas e dirixidas ao conxunto da poboación ou ben a colectivos precisados de especial atención.
O prazo de presentación de solicitudes para ambas convocatorias iniciarase a partir da publicación da convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e rematará o 31 de maio.
XVII edición do Certame de Artes Plásticas
Tamén convocouse hoxe a XVII edición do Certame de Artes Plásticas, que ten como finalidade promover o traballo dos creadores máis novos nas modalidades de pintura, escultura, gravado e calquera outra expresión artística. Poderán participar todas as persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 35 anos, presentando un máximo de dúas obras con temática libre, de todo tipo de tendencia estética e calquera técnica e material.
Haberá tres premios de 3.000, 2.000 e 1.000 euros para os tres primeiros clasificados e dous accésit de 500 euros cada un. O prazo de presentación das obras establecerase desde a convocatoria deste certame no Boletín Oficial da Provincia (BOP) ata o 11 de xuño.
Por último, a Xunta de Goberno deu o visto bo a unha modificación do Plan provincial de cooperación que afecta ao Concello de Xunqueira de Ambía.