O Psdeg-Psoe aposta por consolidar os certificados de profesionalidade que ofertaba a upo e aumentalos para favorecer aos colectivos en risco de exclusión

Representantes da Universidade Popular e do PSdeG-PSOE da cidade asinaron un manifesto para salvagardar unha entidade de carácter interxeracional que combateu a soidade desde os seus comezos

O candidato á alcaldía polo PSdeG-PSOE, Paco Rodríguez, lamentou o dano sufrido pola institución e as persoas que a integran e comprometeuse a traballar por recuperala a partir do 29 de maio

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 20 de abril de 2023.

O candidato á alcaldía polo PSdeG-PSOE, Paco Rodríguez, mantivo un encontro esta mañá con representantes da plataforma ‘Non ao peche da UPO’ para trasladarlle o seu apoio e compromiso de acadar unha sede para a entidade no caso de gobernar despois das eleccións municipais do 28 de maio. Agradeceulles, ademais, a loita que levan feito ao longo de todos estes meses para que a UPO non desapareza nin caia no esquecemento.

Entre as propostas que o PSdeG-PSOE de Ourense trasladou á plataforma para poñer en marcha no caso de acadar o goberno municipal están: dotar á institución dunha sede e de espazos axeitados para o desenvolvemento da súa actividade a través dos centros cívicos, para aproximar a formación aos barrios; o apoio administrativo e orzamentario do Concello; así como consolidar os itinerarios e certificados de profesionalidade, coa intención de aumentalos, para favorecer aos colectivos en risco de exclusión.

“Somos conscientes do que supón a entidade para a poboación de Ourense. E somos conscientes tamén do ataque que sufriu un servizo tan esencial. Pero gustaríanos empezar a falar en positivo e traballar, desde o 29 de maio, para que a cidadanía conte de novo coa opción de formarse na UPO o próximo curso”, afirmou o número un da lista socialista para os comicios.

Pola súa banda, Cristina Cruz, número seis da lista, amosou a súa predilección pola institución, tanto desde o punto de vista educativo como desde o social pola transversalidade que ofrece ao congregar nas súas aulas a persoas novas e persoas maiores. “O carácter interxeracional da entidade é tremendamente enriquecedor para os ourensáns e as ourensás”, destacou na reunión.

Lembrou, nesta mesma liña, que: “A UPO naceu coa intención de achegar a cultura a aqueles que tiñan, que sempre teñen, maiores dificultades de acceso á formación e se transformou nun espazo de encontro que permitía, tamén, combater a soidade non desexada e axudar á inserción laboral gracias aos certificados de profesionalidade”.

Tamén se aproveitou o encontro para asinar o manifesto da UPO, coa presenza de profesores da institución e alumnado que continúa loitando pola supervivencia da mesma. “As forzas políticas e grupos de goberno deben velar polos servizos públicos que tanto ben fan aos cidadáns e ás cidadás, de xeito que nos vindeiros meses restitúan a Universidade”, proclamaron.

Neste senso, subliñaron que a UPO unía aspectos de saúde física e mental, persoal e laboral, comerciais e sociais, artísticos e teóricos, de destreza e de aptitudes, de saúde e benestar individual e colectiva. “Os seus programas educativos abranguían: idiomas, novas tecnoloxías, primeiros auxilios, intelixencia emocional, psicoloxía, coidados nutricionais, actividades deportivas e educación física, coidados corporais, ballet e disciplinas de danza, expresión teatral, destrezas manuais e artesás, audiovisuais, culturais e de escritura, de coñecemento humanístico ou de igualdade social e de xénero”, expuxeron.

Todos os asistentes concordaron en que a educación debe ser pública, gratuíta e de calidade para promover a igualdade de oportunidades e reducir as fendas sociais.