ESPAZO COMÚN DEMANDARÁ AO GOBERNO DO CARBALLIÑO EXPLICACIÓNS POLA AUSENCIA DE OBRADOIRO DE EMPREGO ESTE ANO
As explicacións de dubidosa veracidade ofrecidas polo alcalde Fumega no pasado pleno non se axustan en absoluto á realidade e deixaron aínda máis preocupación.
O maltrato constante a todo o relacionado co fomento do emprego e calquer sector que non teña que ver cunha parte moi concreta da hostalaría local fai sospeitar o peor.
Dende hai moitos anos, os Obradoiros de Emprego veñen a ser unha ferramenta de considerable utilidade para que os concellos poidan ofrecer ás persoas desempregadas posibilidades formativas que faciliten a súa futura incorporación ao mercado de traballo.
Son proxectos nos que compre lembrar que a maior parte da financiación corre a cargo da Xunta de Galicia, quen convoca ano tras ano ás entidades que o desexen a presentar as súas propostas, polo que ademáis, teñen a vantaxe de que o seu custo para ás arcas municipais é mínimo.
Primeiro coa participación do Concello do Carballiño en solitario, coa incorporación de San Amaro e Boborás despois aos que se sumou Maside hai 3 edicións, a historia destes obradoiros na nosa vila vén xa de moitos anos atrás e permitiron a aprendizaxe dunha profesión e polo tanto, moitas máis facilidades para atopar un emprego posteriormente a moitos veciños e veciñas. Asemade, grazas a eles, acometeronse proxectos coma o Parque Etnográfico, o arranxo do Bañiño ou nos últimos anos o acondicionamento da planta inferior da Biblioteca ou as obras do edificio anexo á Fábrica de Papel.
Sen embargo e por razóns ata agora descoñecidas, este ano, namentres noutros municipios ou mancomunidades coma no Barco de Valdeorras ou en Monterrei xa están en marcha, aquí nada se sabe ao respecto sen que exista explicación de ningún tipo por parte do goberno municipal.
Para máis inri, unha vez preguntado na pasada sesión plenaria, o alcalde Fumega, as súas “respostas” deixaronnos aínda máis perplexos. Literalmente afirmou que a selección se fará en febreiro ou marzo e despois dixo que haberá que solicitalo aínda, algo que non se entende tendo en conta que a convocatoria xa foi feita hai meses. Ante o confuso da resposta, dende Espazo Común, entendemos que só existen dúas posibilidades ao respecto.
- Non foi solicitado á Xunta de Galicia por desidia ou por non consideralo importante.
- Foi solicitado pero denegado polo ente autonómico por algunha razón que debería ser explicada.
Visto o tratamento dispensado por este goberno á Área de Emprego con desvío de fondos para festas e salarios ou a supresión das axudas ao emprendemento, calquera cousa semella ser posible.
Para aclarar esta enrevesada situación, vimos de rexistrar un escrito á atención do señor alcalde e do concelleiro de Emprego, Manolo Dacal para que se dean publicamente explicacións de porque parece que O Carballiño, despois de moito tempo, non vai contar con obradoiro este ano ou, de non ser así, que se aclaren canto antes circunstancias e datas para que tódolos aspirantes a participar poidan saber a que aterse.