Femupo colaborará co grupo de teatro Mulleres en Igualdade de Mos

Grazas a esta colaboración a federación apoiará unha xira teatral pola provincia de Pontevedra

Federación Pola Igualdade Das Mulleres Da Provincia de Pontevedra (Femupo) colaborará co grupo de teatro Mulleres en Igualdade de Mos para apoiar unha xira teatral pola provincia.

AVANTAR ACTIVIDADES

A colaboración formalizouse este xoves nun encontro entre a presidenta de Femupo, Raquel Touriño, e as integrantes do grupo de teatro, no que tamén participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo e a concelleira de Igualdade, Sara Cebreiro.

“Queremos axudar a esparexer a arte deste grupo pola provincia e que as súas integrantes sexan exemplo para outras mulleres xa que, como elas mesmas din, o teatro as libera e as empodera,” explicou Touriño durante o encontro.

A colaboración con Femupo permitirá levar de xira a penúltima das súas obras ‘As Ghaliñas de Mos’, sendo a primeira parada o centro cultural de Cerdedo-Cotobade, o vindeiro 26 de novembro.

O grupo de teatro Mulleres en Igualdade de Mos leva once anos en activo, montando obras que dende o cotiá fomentan a igualdade de xénero. A agrupación naceu en 2011 a raíz dun curso de autoestima organizado polo Concello e tras máis dunha década xa contan con representacións de autoría propia.

As súas doce integrantes afirman que grazas ao teatro, superan complexos, sacan forzas para solucionar problemas familiares, e tamén atopan momentos de evasión.