A Deputación apoia a creación dunha asociación internacional de camiños xacobeos coa sinatura da declaración “Europa Compostela”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá a xornada inaugural do XIII Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas, na que participaron o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda

Manuel Baltar e Alfonso Rueda asinaron a declaración en calidade de testemuñas do compromiso adquirido pola federación española, dúas entidades francesas, outras tantas belgas e maila representación dos Países Baixos para constituír esta nova entidade europea

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente da Deputación referendou a “pegada permanente e o legado para as futuras xeracións” que suporá este congreso, como así quedará reflectido nas actas que publicará a institución provincial. Baltar mostrouse a favor da elaboración dunha Lei Nacional dos Camiños de Santiago: “Na Deputación terán ao colaborador número uno e desde o primeiro momento”.

O titular da Xunta de Galicia enxalzou o papel do Camiño de Santiago como ruta vertebradora de Europa. “É moito máis ca un percorrido ou turismo, é a historia de Europa e do mundo”, defendeu Rueda sobre a súa relevancia para o fomento do intercambio cultural entre as nacións europeas

Ourense, 21 de abril de 2023.- O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá a xornada inaugural do XIII Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas, na que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinou o acordo “Europa Compostela”, unha declaración rubricada por seis federacións e asociacións de catro países que dará paso á constitución dunha entidade europea de colectivos representativos dos camiños de Santiago e que contará co apoio da institución provincial.

A sinatura deste documento formalizouse no acto de apertura do congreso, que ademais de Manuel Baltar contou coa participación do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Jorge Martínez; e o presidente do comité organizador, José Antonio Quintas.

“Acoller este encontro é todo un orgullo para Ourense”, expresou Manuel Baltar, que valorou a presenza do presidente da Xunta como “un símbolo de unión en torno a este evento e ao camiño, que tamén é cultura”. O presidente do goberno provincial referendou a “pegada permanente e o legado para as futuras xeracións” que suporá este congreso, como así quedará reflectido nas actas que publicará a Deputación ourensá.

Manuel Baltar mostrouse a favor da proposta lanzada polo presidente da federación española de asociacións para pedir a elaboración dunha Lei Nacional dos Camiños de Santiago: “Na Deputación terán ao colaborador número uno e desde o primeiro momento”. As administracións públicas, engadiu, “precisamos de asociacións como a do Camiño Mozárabe-Vía da Prata, que no caso de Ourense atravesa 28 dos 92 municipios da provincia e que, xunto con eventos como este, dan visibilidade ao noso territorio”.

Asociacións imprescindibles polo seu labor

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou o papel do Camiño de Santiago como ruta vertebradora de Europa pola súa aportación ao fomento e intercambio cultural entre as diferentes nacións do continente europeo. “É moito máis ca un percorrido ou turismo, é a historia de Europa e do mundo”, aseverou ante os representantes das asociacións procedentes de 14 países, ás que cualificou de “imprescindibles” polo seu labor de voluntariado, difusión, investigación e estudo das diferentes rutas xacobeas.

Rueda incidiu na importancia destas asociacións —na actualidade existen 350 entidades deste tipo, o 60 % fóra de España— e agradeceulles a difusión que fan das diferentes rutas xacobeas e garantiulles o apoio da Xunta de Galicia para seguir potenciando o Camiño de Santiago, ao que definiu como “camiño colectivo” e ao que lle augurou “marxe de crecemento”, sempre que se faga con “sentidiño”. “E iso só o podemos facer da man dos colectivos e asociacións que o coñecedes”, defendeu.

Manuel Baltar e Alfonso Rueda asinaron a declaración “Europa-Compostela” en calidade de testemuñas do compromiso adquirido pola federación española, dúas entidades francesas, outras tantas belgas e maila representación dos Países Baixos. Os promotores desta iniciativa esperan ter constituída a nova asociación europea no mes de outubro, momento no que trasladarán formalmente unha invitación a todos os colectivos europeos para a súa integración. 

Libro branco sobre as rutas xacobeas

“Un día histórico e emocionante”, dixo na súa intervención Jorge Martínez ao referirse á sinatura do acordo “Europa-Compostela”, avanzando que en outubro celebrarase o II Encontro Mundial de Asociacións Xacobeas, ao que estarán invitadas máis de 360 entidades de todo o mundo. Anunciou tamén o traballo de revisión que se está a facer dos 52 camiños de Santiago que atravesan España, con 15.000 quilómetros de rutas, que servirá de base para a redacción dun libro branco sobre a situación e as necesidades destes camiños. Jorge Martínez foi, precisamente, o autor da proposta de elaboración dunha lei nacional dos Camiños de Santiago “que poña orde e criterios comúns para defender toda a cultura que atesouran estas rutas”.

O capítulo de recoñecementos correu a cargo do presidente do comité organizador, José Antonio Quintas, “co máis sincero dos agradecementos á Deputación de Ourense pola súa inestimable colaboración e apoio incondicional para celebrar este congreso”, dando tamén as grazas á Xunta de Galicia e a Correos España. Neste sentido, Manuel Baltar e Alfonso Rueda recibiron a insignia da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago. 

O congreso continúa mañá sábado, día 22, cunha xornada a que se abordarán aspectos como o mundo do Dereito nos itinerarios culturais e o Camiño de Santiago, os camiños en Europa, o Plan Director dos Camiños de Santiago en Galicia 2022-2027, os renacementos do camiño compostelán e, para rematar, unha mesa redonda sobre as asociacións no mundo.