O BNG volve sair á rúa para demandar medidas reais e efectivas que rebaixen o recibo da luz

“No mes de xullo entregamos 23.000 sinaturas para esixir a fin desta estafa e que os gobernos galego e central actúen a favor dos galegos e contra as eléctricas”

Publicidade

“Nin Xunta nin Estado están actuando con contundencia, por iso seguiremos con esta campaña e facemos un chamamento a segundar as mobilizacións convocadas pola CIG o próximo domingo”

Violencia machista. A deputada Noa Presas comezou a súa intervención condenando en nome do BNG o asasinato machista desta madrugada na Coruña “do que se sabe ademais que o agresor xa tiña antecedentes en materia de violencia machista”.

Segundo Noa Presas, “este asasinato devólvenos á crua realidade dunha violencia machista onde as medidas que se están adoptando sobre todo en materia de prevención e intervención son claramente insuficientes”. Presas fixo un chamamento á sociedade galega para que “ao carón do feminismo deste país se mobilice a través das concentracións previstas para este vindeiro sábado”.

Estafa da luz

O BNG volve sair á rúa para esixir medidas reais e efectivas que permitan abaratar o recibo da luz e calmen esta situación “insoportable” tanto para as familias como para a mediana e pequena empresa.

Na carpa situada esta mañá na rúa do Paseo, Noa Presas aseguraba que “hoxe vemos con indignación como o prezo da enerxía eléctrica volve bater un récord, o terceiro da semana. O prezo do megavatio hora está nos 188 €, unha subida dun 9 % en só 24 horas, se o comparamos co prezo de hai un ano vemos que hai unha suba do 268 % xa que hai un ano estaban nos 51 euros”.

Para Presas esta situación “é un absoluto escándalo e demostra que as medidas do goberno central son insuficientes porque non van ao fondo da cuestión, que é a impunidade das eléctricas e a forma de conformarse a factura, cun sistema absurdo no que tecnoloxías que producen de forma moi barata como a hidroeléctrica acaban cobrando como as máis caras. É como se imos ao super e nos cobran unha barra de pan a prezo de marisco”.

Ante esta situación, o BNG anuncia que de novo sairá as rúas de vilas e cidades e lembran que xa no pasado mes de xullo entregaron 23.000 sinaturas para esixir a fin desta estafa e para reclamar que os gobernos galego e central actúen a favor dos galegos e contra as eléctricas.

Noa Presas insistiu nas propostas que o BNG ven reclamando con insistencia e que axudarían a paliar a situación actual. “seguimos reclamando a rebaixa do IVE ao 4% e de forma permanente así como a creación dunha tarifa eléctrica galega”, e engade, “Galiza é unha produtora excendentaria de enerxía eléctrica e o que non pode ser que asumamos os custes sociais e ambientais como estamos vendo na crise dos encoros e o que nos veña de volta sexa unha factura da luz que é unha estafa. A cambio de producir e exportar debemos ter peaxes máis baratas. Unha tarifa diferente é algo habitual nos países da contorna europea como como Alemaña ou Noruega. Trátase de xustiza”.

En relación precisamente co acontecido este verán co baleirado dos encoros e ante a ausencia e pasividade da Xunta, Presas anunciou que desde o BNG “solicitaremos no próximo pleno unha comisión de investigación no Parlamento galego. O PP ten que explicar porqué mentiu, porque sabía que isto ía acontecer e non fixo nada ao tempo que cómpre dirimir as responsabilidades das eléctricas, do Estado e da Xunta para reclamar os cambios e as medidas necesarias”.