O delegado da Xunta anuncia a nova convocatoria de obradoiros de garantía xuvenil no Irixo

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, aproveitou a súa visita aos alumnos – traballadores do obradoiro de emprego  Os Arrieiros III no Irixo para facer o anuncio da nova convocatoria, publicada onte no DOG, dos obradoiros para mozas e mozos incluídos no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil. A iniciativa diríxese a persoas desempregadas con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos e prevé a realización duns 15 obradoiros de ámbito municipal en que tomen parte máis 240 persoas en 2023 e 2024.

Estes obradoiros xuvenís teñen por obxecto mellorar a empregabilidade das persoas participantes para facilitar a súa inserción no mercado laboral. Por este motivo, combinan a formación coa realización dun traballo efectivo durante un período de 12 meses, durante os cales as persoas beneficiarias acceden a un contrato e a un salario.

AVANTAR ACTIVIDADES

A convocatoria diríxese a concellos de Galicia, mancomunidades de concellos e a entidades públicas dependentes ou vinculadas a estes, como promotores das accións.

Entre os criterios de valoración, terase en conta que o proxecto conteña actividades relacionadas co fomento das TIC e a economía dixital, que as entidades promotoras posúan a condición de concello emprendedor ou presenten o proxecto mediante asociación de concellos resultante de fusión.

Con estas axudas, enmarcadas dentro do Programa operativo FSE+ Galicia 2021-2027, impártese formación con certificado de profesionalidade e ofréceselle ao alumnado un contrato de traballo de formación e aprendizaxe durante os 12 meses.

A través destes programas, ademais de mellorarse a ocupabilidade das persoas mozas, facilítase a realización de actuacións de mellora das dotacións públicas ou de uso público no ámbito local, así como a prestación de servizos de interese xeral e social que repercuten na mellora da calidade de vida e dos servizos para toda a sociedade.

Obradoiros duais de emprego

Tamén se referiu o delegado territorial á  nova convocatoria de obradoiros duais de emprego que prevé a realización duns 70 obradoiros de emprego, que poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal.

Os obradoiros duais de emprego ofrécenlles ao alumnado 12 meses formación cun contrato de traballo e a posibilidade dunha inserción posterior nas empresas da contorna en que se realicen. Ademais de mellorar a empregabilidade dos seus participantes, contribúen a facer actuacións de mellora das dotacións de uso público nos municipios e contribúen a reforzar a colaboración da Xunta de Galicia cos concellos.

As alumnas e alumnos, ademais de se formaren e realizaren un traballo, poden obter un certificado de profesionalidade ao rematar a experiencia. Tamén se lles abre a posibilidade de traballar nunha empresa da contorna durante un mínimo de tres meses, grazas aos incentivos que ofrece a Xunta de Galicia e que financian os custos laborais en que poida incorrer a firma interesada.

Para accederen a estes obradoiros, priorizaranse as persoas que teñan especiais dificultades de inserción: emigrantes retornadas; mulleres; vítimas de violencia de xénero; persoas que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego; parados de longa duración; maiores de 45 anos; persoas que carecen de títulos universitarios e de FP de grao superior, entre outras.

En canto á programación, a convocatoria primará a formación forestal e as iniciativas centradas na posta en valor das rutas do Camiño de Santiago; das aldeas modelo ou das áreas declaradas reservas da biosfera. Tamén obterán máis valoración as propostas de actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital e a relación do proxecto co tecido empresarial e coa posibilidades de inserción futura.

O obradoiro de emprego  Os Arrieiros III

Acompañado dos alcaldes do Irixo, Manuel Cerdeira, San Cristovo de Cea, José Luís Valladares e Piñor, José Luís González,  o delegado territorial supervisou as actuacións que están a desenvolver os alumnos – traballadores do obradoiro de emprego  Os Arrieiros III.

Este Obradoiro, no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste 512.987 euros,  está a formar a 10 alumnos – traballadores  no módulo de Operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e 10 no de Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas e Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.

No concello do Irixo, os participantes están executando o mantemento e conservación da Parcela de A Seara, o axardinamento do Velorio municipal de O Campo, a mellora e conservación Fonte Porto da Veiga, a mellora e conservación Depósito e lavadoiro de Lousado, a mellora e conservación Lavadoiro de Parada, a mellora e conservación Fonte e depósito de Casar (Reádegos), a mellora e conservación Fonte de San Pedro de Espiñeira, a mellora e conservación Depósito de incendios de Matelo, desbroce e sinalización Roteiro dos Castros (PR-G 189), mellora e conservación Camiño Orros-Saaevedra, desbroce e mellora Entorno aldea modelo de Trabazón, desbroce e mellora Camiño Surribas a Froufe e a poda e o mantemento da Plantación de froiteiras Munín.

No concello de Piñor estase a traballar na urbanización e axardinamento da Praza de Cotelas, na urbanización e axardinamento Espazo público Loeda, na limpeza do Pobo de Lousado, na limpeza do Pobo de Barrán, na limpeza do Pobo de Canices, na limpeza do Pobo de Devesa-Paredes, na limpeza Pobo de Vilar, na limpeza Pobo de Vilariño e na limpeza Pobo de Carballediña.

En San Cristovo de Cea, as actuacións consisten na mellora e conservación do lavadoiro O Val, na mellora e conservación lavadoiro Toubes, na mellora e conservación lavadoiro Vales, na limpeza e conservación Roteiro dos Tres Ríos, na limpeza e conservación Roteiro do Val de Oseira.