O PP de Allariz solicita ao Concello que poña inmediatamente a disposición da Xunta a parcela solicitada por Sanidade para a construción dun novo centro de saúde

  • “Despois dun ano e medio de atraso inxustificable”, os populares levaron ao pleno de abril unha moción reclamando ao grupo de goberno -que se abstivo- desatascar esta situación e habilitar os terreos para a construción do novo centro de saúde
  • A voceira e candidata do PPdeOU o 28 de maio, Luz Doporto, lamenta unha situación que está a prexudicar aos veciños, ao dilatar “unha infraestrutura fundamental para o futuro de Allariz”

24, abril, 2023. O grupo municipal do PP de Allariz esixe ao grupo de goberno que poña a disposición da Xunta de Galicia a parcela solicitada pola Consellería de Sanidade para a construción dun novo centro de saúde para Allariz, “cuestión que levan un ano e medio atrasando dun xeito inxustificable”, segundo lamenta a voceira e candidata do PPdeOU nas vindeiras eleccións do 28 de maio, Luz Doporto. 

O grupo municipal popular levou esta cuestión ao pleno de abril, pedindo de maneira urxente ao grupo de goberno -que se abstivo na votación- habilitar os terreos para a construción do centro de saúde. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Os populares recordan que a Consellería de Sanidade xa fixo este requirimento ao Concello a finais do ano 2021, ao estar Allariz incluído no Plan de Infraestruturas Sanitarias deseñado pola Xunta de Galicia. O propio conselleiro, explican, remitiu cartas a todos os alcaldes e alcaldesas, poñéndose a disposición para que o persoal técnico da Consellería avaliase as parcelas propostas polos diferentes gobernos municipais. Un aspecto que, como sinalou o propio conselleiro no Parlamento, cumpriron con rapidez concellos ourensáns como Boborás e Muíños, avanzando axilmente na tramitación dos seus proxectos. 

O grupo municipal do PP de Allariz tamén recorda que xa en xullo de 2022 rexistraron un escrito no Concello á atención da alcaldesa solicitando unha xunta de portavoces para coñecer as posibles razóns polas que o Concello levaba nese momento nove meses sen responder á Sanidade sobre esta cuestión.

Agora, despois de ano e medio sen respostas claras, e sobre todo sen atender ás demandas da Sanidade, a voceira e candidata lamenta profundamente esta situación, que está a prexudicar aos veciños ao “dilatar a edificación dunha infraestrutura fundamental para o futuro de Allariz”. 

“Instamos á alcaldesa de Allariz e ao grupo de goberno que poñan xa á disposición de Sanidade dunha parcela para a redacción do proxecto e a edificación dun novo centro de saúde”, conclúe Luz Doporto, que tamén pide á alcaldesa e ao todo goberno municipal “diálogo e consenso cos grupos de oposición para tratar o futuro da nosa veciñanza”.