A vila termal de Cortegada xa dispón dun estacionamento para autocaravanas

VISITA INSTITUCIONAL CONCELLO DE CORTEGADA. O presidente provincial, Luis Menor, realizará unha visita institucional co Concello de Cortegada, onde visitará obras realizadas coa cooperación da Deputación e inaugurará o novo aparcadoiro de autocaravanas do municipio. Tamén participan Avelno Luis de Francisco Martínez (Alcalde de Cortegada) e os membros da Corportación Victor González, Diego Sotelo, César Salgado, Maria Teresa de Francisco, Begoña Estévez, Emilio José Rodríguez Losada e amigos e vecios do Concello.
II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente provincial, Luis Menor, participou hoxe na inauguración da área de autocaravanas de Cortegada, unha infraestrutura “clave para o desenvolvemento dunha vila termal de primeiro nivel”, dixo Menor. Acompañado polo alcalde do municipio, Avelino Luis de Francisco, así como por membros da Corporación, alcaldes de concellos limítrofes e outras autoridades, o titular da Deputación puxo en valor a “cooperación” entre as administracións implicadas no proxecto da área de autocaravanas, na que descubriu xunto ao rexedor unha placa conmemorativa.

Luis Menor reivindicou o labor feito polo alcalde e o seu equipo á hora de dotar de máis servizos a Cortegada, subliñando que esta nova área ten aínda máis valor, en tanto forma parte dunha cadea de traballo que ten por obxectivo “recuperar o motor económico que supuxo no pasado o termalismo”. Ademais, o presidente provincial defendeu o turismo de autocaravanas como un turismo “tranquilo, sostible e con gran capacidade de consumo”, facendo referencia ademais á gratuidade do servizo, pois o ‘custe cero’ facilitará a estadía dos viaxeiros en Cortegada, “xerando máis impacto na vila”.

O alcalde, Avelino Luis de Francisco, agradeceu a implicación da Deputación de Ourense para impulsar esta área de autocaravanas en Cortegada, destinada a un tipo de turismo que cualificou como “grandes embaixadores dos pobos polos que pasan”, destacando tamén outros proxectos vinculados ao termalismo e o turismo que, calculou, poderán xerar ata medio cento de novos empregos.

A visita do presidente da Deputación a Cortegada iniciouse na Casa do Concello, onde estreou coa súa sinatura o libro de honra municipal. De seguido e xunto co alcalde e membros do seu equipo de goberno supervisou o resultado das obras executadas na rúa Baño do Monte, recentemente reformada no marco das axudas da Deputación de Ourense a este concello.

A nova área de autocaravanas de Cortegada está ubicada nunha zona estratéxica e de fácil acceso. Conta con 14 prazas e está completamente equipada para ofrecer una estancia cómoda e segura aos autocaravanistas, que teñen o núcleo urbano a 1 quilómetro, ademais de dispoñer ao carón do aparcamento dunha ampla zona recreativa.

A Deputación de Ourense cooperou cunha axuda de 72.000 euros para a posta en marcha da área de caravanas, mentres que o Concello de Cortegada aportou os 48.000 euros restantes da inversión total (120.000 euros).