“Motel Valkirias”, serie patrocinada pola Deputación de Ourense, ven de ser recoñecida coma a mellor ficción de televisión do ano nos premios europeos da Asociación Europea de Televisións Rexionais (CIRCOM).
“Motel Valkirias”, definido coma un wéstern fronteirizo, está protagonizado polo ourensán Chechu Salgado xunto a María Mera, Marina Mota e Maria João Bastos. Foi rodada en diferentes puntos da provincia de Ourense -como Benposta ou a Baixa Limia- e en Portugal.
A serie, emitida na TVG, é unha coprodución entre CTV e SPi e ademais do patrocinio da Deputación de Ourense conta co apoio da Xunta de Galicia, PIC Portugal, Turismo de Portugal e a colaboración da Cámara Municipal de Montalegre.
Os CIRCOM premian dende hai tres décadas aos mellores programas de televisión producidos e emitidos polas case 250 canles rexionais públicas de 30 países europeos. Este ano os premios serán entregados en San Sebastián, o vindeiro 1 de xuño.