O Concello de O Irixo prepárase para acoller actividades dirixidas a toda a familia polo Nadal

O Concello de O Irixo prepárase para acoller unhas datas inesquecibles para rematar o ano 2023. O programa de actividades ten en conta aos mais pequenos da casa e actividades para desfrutar toda a familia.

“Sabemos que esta é unha época do ano importante para todos, especialmente para os máis cativos e por iso pensamos nun programa de actividades que permita a conciliación”, destaca a alcaldesa de O Irixo, Susana Iglesias.

AVANTAR ACTIVIDADES

O sábado día 23 celebrarase unha Gran Festa de Nadal a partir das 17.00h no Pavillón Municipal na que contaremos coa visita do apalpador, un espectáculo de animación, inchables, chocolatada e moitas sorpresas máis. A partir das 19.30h a animación corre a cargo do concerto de acordeóns de Bieito Blanco.

Entre os días 26 de decembro e 5 de xaneiro terá lugar o campamento Concilia en Nadal en horario de 10.00 a 14.00h no colexio Ceip Virxe da Pena de Sela. Unha iniciativa que ten como finalidade axudar aos pais e nais coa conciliación familiar ao mesmo tempo que se logra que os meniños se manteñan activos e gocen de tempo de calidade xunto con outros rapaces.

O 28 de decembro será un día especial e faremos unha excursión a Pazolandia, onde os cativos poderán pasar un día diferente e desfrutar de múltiples actividades. O autobús sae dende o colexio ás 10.00h e o regreso está previsto para ás 14.00h.

E rematamos o día 29 de decembro cunha festa de fin de ano a partir das 11.30h ao lado do colexio na que os participantes recibirán moitas sorpresas e ás 12.00h soarán as badaladas, simulando a noite de fin de ano. Deste modo, os máis pequenos poderán participar dunha experiencia que en moitos casos queda reservada para os maiores.

“Esta é unha forma de que os cativos e tódalas familias que queran participar festexen o aninovo cos seus amigos e dunha forma diferente”, destaca a alcaldesa de O Irixo, Susana Iglesias.

“Quero aproveitar estas datas para expresar o meu desexo de que o ano 2024 sexa un ano de ilusión, paz, fortaleza e saúde para todos.