-O xurado reuniuse esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial do Carballiño e destacou a gran calidade dos traballos presentados
O Carballiño, 29 de abril de 2023
Non foi unha decisión doada pola gran calidade dos traballos presentados. Nun acto celebrado esta mañá no salón de plenos da Casa Consistorial do Carballiño, e tras longas deliberacións, o xurado decidiu os gañadores dos Premios Antón Losada Diéguez. Por unanimidade acordouse conceder o galardón, na modalidade de Investigación e ensaio, á obra “Nos días encantados de agosto. Biografía de José Gil . Para unha historia do cinema en lingua galega” (Editorial Galaxia), de Manolo González. Trátase dun libro orixinal e novidoso que dá a coñecer a vida e obra dun artista excepcional ata agora descoñecido: o fotógrafo e cineasta José Gil. Destaca a súa redacción case novelesca, detectivesca, divertida e moi doada de ler, así como a orixinal contribución á historia da fotografía, do cinema e do audiovisual galego.
Po maioría dos presentes decidiuse outorgar o Premio Antón Losada Diéguez, na modalidade de Creación Literaria, a “O tradutor de sombras” (Edicións Xerais), de Moncha Fuentes. Trátase dunha novela que incita a experimentar e gozar cos cinco sentidos, unha imitación á reflexión que conmove e remove os sentimentos.
O xurado subliñou a gran calidade das obras de creación presentadas nesta edición dun premio que vai camiño das catro décadas de andadura e, especialmente ao poemario de Cesáreo Sánchez Iglesias, “A árbore que dá as lágrimas de Shiva”, finalista do certame.
O xurado que deu a coñecer a decisión estivo composto polo concelleiro de Cultura do Concello do Carballiño, Diego Fernández; Celia Pereiro, en representación da Real Academia Galega; Rebeca Blanco, do Consello da Cultura Galega; Xosé Carlos Sierra, do Museo do Pobo Galego; Luis E. González Tosar, da Deputación de Ourense; Rosa María Pérez do Concello de Boborás, Ernesto Xosé González, da USC; Xosé Henrique Costas, da Universidade de Vigo e Xosé Manuel Sánchez Rei, da Universidade da Coruña.