O Psdeg-Psoe de Ourense reúnese co subdelegado de defensa para revisar a posible posta en valor de antigas instalacións militares da provincia

Á reunión asistiron o deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás, e o secretario provincial e candidato á alcaldía de San Cibrao das Viñas nas eleccións locais do 28 de maio, Rafa Villarino

Durante o encontro puxeron o foco nuns extensos terreos públicos sen uso desde hai tres décadas, situados no límite territorial dos municipios de Ourense e de San Cibrao

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 8 de maio de 2022. O PSdeG-PSOE vén de manter un encontro co Subdelegado de Defensa na provincia, Jesús Peñas Preckler, co fin de analizar diversos asuntos que afectan ás forzas armadas, entre outros, a posible posta en valor de antigas instalacións militares de Ourense. Á reunión na Subdelegación de Defensa ourensá asistiron o deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás, e o secretario provincial e candidato á alcaldía de San Cibrao das Viñas nas eleccións locais do 28 de maio, Rafa Villarino.

Durante o encontro puxeron o foco nuns extensos terreos con numerosas edificacións e instalacións, totalmente abandonadas e sen uso desde hai tres décadas, situados no límite territorial dos municipios de Ourense e de San Cibrao que, no seu momento, acolleron un acuartelamento.

Tralo fin das actividades do exército a mediados dos anos oitenta, estes terreos foron desafectados de usos militares, aínda que boa parte deles continuaron baixo titularidade pública, pero da Deputación de Ourense. En 2002 a institución provincial adquiriu case 65.000 metros cadrados ao Ministerio de Defensa, aínda que outra parte minoritaria volveu a mans dos propietarios orixinais, ao facer uso do dereito de reversión tras ser expropiados ao finalizar a Guerra Civil.

Tras máis de tres décadas sen uso algún a pesar de estar en mans da deputación provincial, os e as socialistas consideran que chegou o momento de estudar as posibilidades técnicas e orzamentarias existentes para devolver usos públicos e proveitosos a esta zona localizada no Cumial.

Desde o PSdeG-PSOE ourensán salientan que este antigo patrimonio militar é un recurso que “merece ser posto en valor como xa se fixo co complexo de San Francisco, xa que axuda a comprender e valorar a nosa historia”. Tamén destacan que a revalorización destes terreos mediante novos usos públicos, “tería un impacto positivo na nosa sociedade, ao contribuír na creación de emprego, de novos servizos públicos e á revitalización económica”.

“É esencial que todas as institucións públicas invistan esforzos na restauración e promoción do patrimonio público qu, é de todos e todas, teña ou non caracter militar, para que poidan contribuír ao desenvolvemento sostible da provincia”, conclúen.