A alta demanda do público escolar motiva a ampliación de «Acisclo. Sete décadas» en Afundación Ourense

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Con tres opcións de visitas escolares acordes ao ciclo educativo, o equipo da Área Educativa de Afundación potencia a aprendizaxe a través da cultura

I Esta exposición enmárcase no apoio de Afundación ao tecido cultural galego difundindo a obra na que tanto creadores clásicos como contemporáneos dan forma ao pensamento e interpretan a realidade e a cultura

15.05.2023. Afundación amplía, ata o vindeiro 3 de xuño na Sala de Exposicións Afundación Ourense, a mostra antolóxica «Acisclo. Sete décadas», na que, baixo o comisariado de Mercedes Rozas, se percorre a traxectoria dun dos creadores máis insignes de Galicia. A alta demanda de escolares para participar nun dos tres obradoiros planificados por Afundación foi un dos factores determinantes para esta ampliación. En función do ciclo académico, o equipo da Área Educativa de Afundación realizou unhas completas propostas didácticas nas que a explicación sobre a traxectoria de Acisclo e as correntes pictóricas con influencia na súa obra se conxugan coa creatividade no obradoiro, onde os escolares poden experimentar co traballo en 3D.

A exposición «Acisclo. Sete décadas» percorre a traxectoria artística deste escultor ourensán da man dalgunhas das súas pezas máis significativas cunha selección que visibiliza o seu compromiso coa arte, á vez que traslada a evolución do seu discurso afastándose progresivamente da representación naturalista, fuxindo da realidade obxectiva, que tan só mantén como pretexto de recursos estéticos.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Comisariada por Mercedes Rozas, preséntanse pezas de distintos materiais, cos que o autor explora novas texturas e diferentes posibilidades expresivas, así, a madeira, a terracota e o bronce falan da súa vinculación co orgánico, co románico do Mestre Mateo e co clasicismo de Fidias.

Acisclo Manzano está considerado un dos grandes escultores españois. Desde que no ano 1962 recibiu o Premio Nacional de Escultura e a Medalla de Ouro das Artes, a súa traxectoria foi obxecto de numerosos recoñecementos e premios. Nos anos sesenta integrouse no grupo O Volter xunto con Xaime Quessada e Xosé Luís de Dios, unha época de fecunda relación con Otero Pedrayo, Vicente Risco, Julio López Cid e Eduardo Branco Amor.

A súa escultura moveuse esteticamente dentro do universo figurativo, aínda que nalgúns momentos da súa carreira chegou a aproximarse ao territorio da abstracción.

«Acisclo. Sete décadas» inicia o seu percorrido cos traballos en madeira dos anos sesenta, e termínao cos máis actuais. En total 70 pezas provenientes de coleccións particulares de toda Galicia, tamén do propio artista, e mais da Colección ABANCA, Colección Afundación, Colección da USC, Parlamento de Galicia, Deputación de Ourense e Museo Quiñones de León.

A Colección de Arte Afundación achega á exposición catro pezas de moi diferente perfil seleccionadas pola comisaria: desde as madeiras Frei Escoba e o retrato de Xaime Quessada, datadas na primeira época do escultor (anos sesenta) ata as terracotas Repouso, un torso feminino insinuado de finais dos anos oitenta e Amores vesánicos, unha peza rotunda e vagamente antropomorfa dos anos setenta.

A exposición enriquécese coas fotografías de Mani Moretón que permiten traer á sala de exposicións traballos de Acisclo que, ben por ser escultura urbana, ou ben polas súas dimensións, non poden ser mostradas doutra forma: o Cristo Negro da capela das Neves na catedral basílica de Ourense, a Ninfa do Miño en Ourense, a Deusa do Deza en Lalín, ou o baixorrelevo Calpurnia Abana na Fonte das Burgas de Ourense, entre outras pezas.

Esta exposición enmárcase no apoio de Afundación ao tecido cultural galego difundindo a obra na que tanto creadores clásicos como contemporáneos dan forma ao pensamento e interpretan a realidade e a cultura.

Esta mostra enmárcase no programa social «Cultura por alimentos», que anima ao público visitante a realizar a súa visita achegando alimentos non perecedoiros, que serán destinados ao banco de alimentos local a través da colaboración con FESBAL.

O equipo didáctico de Afundación deseñou un proxecto con diferentes actividades, adaptadas aos diferentes tramos de idade, para todos aqueles centros educativos que queiran visitar a exposición cos seus estudantes.

Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------