As liñas de axudas da Xunta para financiar os Cim e que os concellos promovan medidas de conciliación e contra a violencia de xénero están abertas ata o 8 de xuño

  • O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, informaron destes apoios a través dos que a  Xunta inviste este ano 9,3M€

Ourense, 18 de maio de 2023.-  O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, informaron esta mañá das axudas autonómicas que saíron publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 8 de maio para financiar nos concellos galegos os Centros de Información á Muller (CIM) e apoiar programas e medidas contra a violencia de xénero e que promovan a igualdade e a conciliación.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade inviste nesta actuación máis de 9,3 millóns de euros coa que, en concreto, apoiará  ás entidades locais galegas no desenvolvemento de programas orientados a tres finalidades: favorecer a igualdade entre mulleres e homes,  fomentar a conciliación e a corresponsabilidade e para financiar o labor dos Centros de Información á Muller (CIM) como recursos de proximidade.

AVANTAR ACTIVIDADES

Poden ser beneficiarias desta resolución as entidades locais (concellos, consorcios ou mancomunidades) que poden cursar a súa solicitude, de xeito individual ou compartido, ata o próximo 8 de xuño. En canto á dotación, a Xunta de Galicia destinará 500.000 de euros para accións municipais de promoción da igualdade; preto de 4,5M€ ás de fomento da conciliación e a corresponsabilidade e máis de 4,3M€ para apoiar o labor dos CIM.