Un veciño de Vilariño de Conso, de 73 anos, faleceu ao mediodía de hoxe tras chocar o vehículo que conducía cun camión na A-52 ao seu paso polo municipio de Cenlle. Concretamente, foi no punto quilométrico 241, cando ao fío das 13,00 horas, nesta autovía Madrid-Vigo prodúxose unha colisión frontolateral entre un camión e un automóbil todo terreno, quedando o conductor do turismo atrapado no seu interior, de xeito que tivo que ser excarcelado por un equipo de bombeiros da agrupación Carballiño-Ribeiro, se ben foi atopado morto debido ás graves feridas sufridas no accidente. O chófer do camión resultou ileso, e tras serlle practicada a proba de alcoholemia deu resultado negativo, e os efectivos desprazados ata o lugar comprobaron que o falecido levaba posto o cinto de seguridade.
Debido ao accidente, a autovía estivo cortada totalmente ao tráfico rodado, co establecemento de desvíos alternativos pola estrada N-120, ata as 16,15 horas, cando se restableceu a circulación viaria unha vez que o Servizo de mantemento de estradas tivo rematadas as tarefas de retirada dos vehículos sinistrados e dos restos derivados da colisión, así como de limpeza dos líquidos verquidos sobre a calzada. Todo o operativo estivo coordenado por un equipo do GES de Ribadavia.