O Concello impulsa o Roteiro Frank Soutelo, unha homenaxe ao detective que contará con 3 estatuas e 25 placas polas rúas da vila

O detective Frank Soutelo, personaxe das novelas negras do escritor carballiñés Miguel Anxo Fernández, xa conta cun Roteiro na vila na que naceu o seu creador. A iniciativa, ideada pola profesora de Filoloxía Románica na USC Mariña Albor, en colaboración co Concello do Carballiño, pretende render homenaxe a este autor e á literatura galega, ademais de incentivar a lectura. Xunto con Arbor, no acto de presentación, que tivo lugar na Casa Consistorial, acompañaron ao autor Marcos Calveiro, director da Editorial Galaxia, e o deseñador Eladino Cabanelas.

Mariña Arbor asegurou que “Lume de cobiza” é a novela na que se inspira este Roteiro: “Con esta obra na man sentín un punto de agonía, lembrando os incendios daquel fatídico verán en que o meu lugar de adopción, Bertamiráns, se convertera nun campo de guerra”. Tamén agradeceu ao Concello o seu apoio a esta iniciativa, “que acolleu con gran entusiasmo”. Tal e como explicou Arbor, tres estatuas e 25 placas repartiranse pola vila neste Roteiro. A de Frank Soutelo tamén foi visitada esta mañá polo alcalde, Francisco Fumega. Outras dúas personaxes creadas por Miguel Anxo Fernández están en proceso de elaboración: a dedicada a Sugar Jones situarase na Praza Maior e a de Dalia Maxino no Barrio de Flores.

AVANTAR ACTIVIDADES

Serán un total de 25 os espazos do concello nos que se colocará unha placa explicativa e entre eles se atopa a Igrexa da Veracuz, a oficina de turismo, a Casa Consistorial ou o Balneario. Ademais, difundiranse moleskine como as que emprega Frank Soutelo e que conterán fragmentos das novelas e mapas de ruta.

Miguel Anxo Fernández destacou o gran esforzo levado a cabo por Mariña Arbor: “Nunca darei agradecido o que leva feito esta muller por Frank e o agarimo que sinto como escritor, eu que non teño a maior ambición que a de divertirme escribindo. Ninguén é profeta na súa terra e ela quixo que así fóra. Aínda que non serei eu, será Frank”. Tamén agradeceu a acollida desta iniciativa por parte Concello : “Ogallá este Roteiro poida estenderse a outros lugares”. O escritor aproveitou o acto de presentación para anunciar que a súa próxima novela transcorrerá na vila e que Mariña será unha das súas personaxes.

Marcos Calveiro, director da Editorial Galaxia, tamén quixo poñer en valor esta iniciativa e agradeceu a colaboración do Concello do Carballiño para poder levala a cabo.