Paco Rodríguez exhorta á cidadanía a apostar polo Psdeg-Psoe de Ourense para virar o rumbo da cidade e lembra que as dereitas non fixeron nada nos últimos 8 anos

Eu creo firmemente que é posible reverter a situación de Ourense e está nas mans dos cidadáns”, afirmou o candidato á alcaldía ante o resultado dalgunhas enquisas que o sitúan por riba do PP en número de votos nas eleccións deste domingo

Foron máis dun centenar os encontros coa veciñanza e con entidades de carácter social, pero tamén estivemos a pé de rúa en contacto directo coas persoas”, resumiu a secretaria xeral, Natalia González, sobre a campaña

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 26 de maio de 2023. A secretaria xeral do PSdeG-PSOE en Ourense, Natalia González, e o candidato á alcaldía, Paco Rodríguez, comezaron o almorzo de balance de campaña electoral agradecendo a todos os medios de comunicación a cobertura feita ao longo destes últimos 15 días e aos representantes do PSOE que se achegaron ata a cidade para amosar o seu apoio aos e ás socialistas que queren mudar o rumbo.

“Foron máis dun centenar os encontros coa veciñanza e con entidades de carácter social, pero tamén estivemos a pé de rúa en contacto directo coas persoas. E queremos agradecer a súa presenza en Ourense ao secretario xeral dos socialistas de Galicia, Valentín González Formoso; ao delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro; aos ministros José Luis Escrivá e José Miñones; e ao eurodeputado Nicolás González Casares”, enumerou a secretaria xeral ao comezar a súa intervención.

Nesta liña, explicou que toda a actividade programada nestas dúas semanas estivo centrada en motivar á cidadanía para que se sinta escoitada e teñan por seguro que na Administración local o PSdeG-PSOE sempre atenderá as súas demandas e necesidades. “Sabemos que os últimos 8 anos os dirixentes da dereita que estaban ao mando non os tiveron en conta á hora de implementar políticas, pero non todos somos iguais”, destacou.

“Empezamos cun acto inaugural en Palmés. Non só porque sexa o lugar de nacemento do futuro alcalde, senón tamén porque durante moitos anos foi un lugar de encontro para o socialismo ourensán”, puntualizou. Ademais, engadiu que o lugar escollido para o peche de hoxe tamén é simbólico e de gran importancia sentimental. Será no parque Ribeira de Canedo, onde tamén se pechou a campaña das municipais de hai 12 anos nas que resultou gañador Paco Rodríguez e o seu equipo. “O daquela noite foi un dos mellores resultados do socialismo en Ourense”, lembrou.

Pola súa banda, o aspirante á alcaldía puxo sobre a mesa que o goberno de Pedro Sánchez fixo unha gran aposta e inversión na cidade, cun orzamento de máis de 130 millóns de euros, para licitar a estación intermodal. “Nós seguiremos loitando para que o resultado se aproxime o máximo posible ao que intentamos sacar adiante a última vez que estivemos no consistorio”, afirmou.

Tamén amosou o seu convencemento de que o domingo poder haber un goberno de coalición e progreso na cidade. “Eu creo firmemente que é posible reverter a situación de Ourense e está nas mans dos cidadáns e cidadás. O cambio en Ourense ten que pasar polos socialistas porque son os que sempre reaccionaron, tanto a nivel estatal, como autonómico ou local, ás nosas necesidades”, expuxo.

Preguntado polo resultados das enquisas, respondeu que é imprescindible ser cautos, aínda que algunhas amosan que o partido socialista está por riba do partido popular en número de votos e sentiuse confiado por ser, na maioría das publicadas nos medios de comunicación, o candidato mellor valorado.

Cuestionado polo audio que Gonzalo Pérez Jácome difundiu nas súas redes sociais aproveitou para recordar que as pezas nas que a xuíza Pilar de Lara o imputou estanse arquivando unha a unha e que a maxistrada, non obstante, foi amonestada polo seu modo de exercer. En calquera caso, expresou o seu desexo de que a xustiza sexa máis xusta, e actúe con celeridade, ante os supostos delitos que recollen as gravacións publicadas nas que se escoita ao rexedor falando de mordidas, financiación ilegal, coacción, contratacións irregulares ou falsidade documental.