O Psdeg-Psoe insta á Deputación a “non abandonar a súa sorte” á veciñanza do Carballiño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Psdeg-Psoe insta á Deputación a “non abandonar a súa sorte” á veciñanza do Carballiño e o Ribeiro tras deixar sen persoal dabondo gardas do parque de bombeiros

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Durante as datas comprendidas entre o 26 e 28 de maio, só dous profesionais estiveron operativos no parque de bombeiros comarcal desa zona tan poboada, debido á falta de cobertura dunha baixa

“Indagaremos neste asunto todas as ocasións que sexan necesarias” porque “a seguridade da veciñanza da provincia debe ser unha prioridade para todos e todas nós”, destaca Aurentino Alonso

Ourense, 1 de xuño de 2023. O PSdeG-PSOE vén de instar á Deputación de Ourense a “non abandonar a súa sorte á veciñanza das comarcas do Carballiño e O Ribeiro”, tras deixar sen persoal dabondo as gardas do parque comarcal de bombeiros que atende estas zonas da provincia, dúas das máis poboadas de todo o territorio ourensá. Así mesmo, os e as socialistas tamén indagan, unha vez máis, as causas da non cobertura con persoal dabondo das gardas dos bombeiros dependentes da institución.

Desde o Grupo Socialista denuncian que a pasada fin de semana, o parque comarcal do Carballiño, dependente do Consorcio Provincial de Incendios, viuse afectado por unha “situación alarmante” no referente ao persoal que, ademais, non era a primeira vez que se producía. Durante as datas comprendidas entre o 26 e 28 de maio de 2023, só dous profesionais estiveron operativos nese parque de bombeiros, debido á falta de cobertura dunha baixa médica doutra persoa, incumprindo outra vez o requisito mínimo de tres persoas traballando durante as gardas.

“Esta preocupante situación deixou ás comarcas do Carballiño e Ribeiro desamparadas e sen o respaldo necesario en caso de emerxencia”, destacan o que “é inadmisible, posto que estamos a falar dun servizo fundamental para atender a decenas de miles de veciños e veciñas”, advirte o deputado provincial, Aurentino Alonso.

“O PSdeG-PSOE de Ourense xa trasladou esta situación tanto ao pleno do Consorcio Provincial de Incendios como ás comisións informativas que se celebran mensualmente na Deputación pero, ata o momento, nin se recibiu unha resposta clara por parte das autoridades responsables nin se informou sobre a existencia dalgún protocolo de actuación en casos de insuficiencia manifesta de recursos humanos”, destaca.

Ante esta problemática, o PSdeG-PSOE vén de reclamar ao goberno provincial de Manuel Baltar “respostas claras e urxentes” por escrito sobre as  seguintes cuestións:

  • “Por que o Consorcio Provincial de Incendios non cobre as prazas obrigatorias, polo menos tres, que deben estar operativas durante as gardas do parque comarcal de bombeiros do Carballiño?”
  • “Ten coñecemento o presidente do Consorcio Provincial de Incendios da preocupante situación nas gardas do parque comarcal de bombeiros do Carballiño? Que medidas teñen previsto tomar para abordar esta grave problemática na xestión dos recursos humanos destinados a atender emerxencias?”
  • “Existe algún protocolo establecido que defina como actuar en situacións como estas, nas que un parque comarcal de bombeiros non conta co persoal mínimo esixido?”

O deputado provincial do PSdeG-PSOE considera “de vital importancia abordar esta situación de maneira inmediata, co fin de garantir a seguridade e o benestar dos cidadáns das comarcas afectadas e do resto da provincia de Ourense”, posto que “a Deputación ten recursos económicos dabondo para cubrir esas prazas en tempo e forma”, polo que, de non facelo, estaríamos ante unha “evidente deixadez de funcións” dos responsables do consorcio.

“A falta de persoal operativo no parque comarcal de bombeiros do Carballiño pon en risco unha resposta plenamente efectiva ante situacións de emerxencia e é responsabilidade do Consorcio Provincial de Incendios tomar as medidas necesarias para solucionar esta problemática e establecer protocolos claros de actuación”, conclúe Alonso antes de recordar que “indagarán neste asunto todas as ocasións que sexan necesarias” porque “a seguridade da veciñanza debe ser unha prioridade para todos e todas nós”.