Marina Ortega acusa á Xunta de “facer caixa” cos 109,1 millóns de euros adicionais destinados a Galicia polo Plan de Choque despregado polo goberno de Sánchez dende 2021, segundo o último informe do Observatorio da Dependencia
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2023. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, esixiulle hoxe á Xunta que “incremente significativamente o persoal de servizos sociais e dos equipos de valoración da Dependencia”. A responsable socialista presentou unha pregunta na Comisión de Sanidade na que acusou ao goberno galego de “facer caixa” cos 109,1 millóns de euros adicionais entregados a esta Comunidade Autónoma dentro do Plan de Choque despregado polo goberno de Sánchez dende 2021.
A responsable socialista criticou que as axudas do goberno galego “chegan tarde, mal ou nunca”, mentres os usuarios están “desesperados” polas esperas interminables do servizo. Reclamou o incremento do investimento por habitante potencialmente dependente e o aumento das libranzas vencelladas á contorna familiar acompañado dun Plan de corresponsabilidade.
Ortega alertou de que as melloras dos tempos de espera e das axudas á Dependencia grazas ao investimento adicional do goberno central “non serán suficientes se o Goberno galego non toma medidas de calado dende as súas competencias”.
Emprazou á Xunta a incrementar recursos como a atención asistencial, que permanece “abandonada” cun déficit de 200 prazas descubertas, e reclamou a aposta polos centros de día, ademais do Servizo de Axuda no Fogar -SAF-, xunto coa teleasistencia como servizos complementarios.
Advertiu que “ de pouco vale unha hora ou dúas ao día de SAF se non vai acompañado de outros recursos como un centro de día para persoas con graos altos de Dependencia”. Lamentou que a directora xeral técnica da Consellería de Política Social evitara ofrecer os datos do número de galegos e galegas que están a recibir o SAF sen outro recurso a pesares de graos altos de dependencia.
Facer caixa
Ortega citou o último Estudo sobre a Dependencia realizado pola Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, que alerta de que a “burocracia e a impericia” despregada polos gobernos autonómicos impediron que o Plan de Choque tivera un maior éxito. De feito apunta que ata dez gobernos autonómicos, entre eles o de Galicia, aproveitaron as partidas do primeiro ano para “facer caixa”.
Así, mentres este Plan de Choque, que deu fin ao recorte da Dependencia aplicado por Rajoy, que detraeu 6.321 millóns de euros en nove anos, permitiu incrementar a atención ás persoas dependentes nun 7,47 por cento en España, mentres en Galicia a mellora limitouse a un 4,68 por cento. As medidas habilitadas polo Plan de Choque do goberno central permitiron atender a máis de 3.000 novos dependentes, reducir un 18,59 por cento a lista de espera e crear 1.622 traballos.