A Delegación Ourensana da Xunta celebra a súa comisión territorial en Valdeorras para reforzar o seu compromiso coa comarca

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá ao Barco de Valdeorras para presidir na Casa Grade de Viloira a Comisión Territorial, na que se pretende impulsar os temas referidos á Administración autonómica nos concellos da comarca.

Na reunión, a primeira que se desenvolve fora da Delegación Territorial, e que contou coa presenza dos xefes territoriais, onde analizaron os anuncios por parte da Xunta dos investimentos previstos nos orzamentos e se fixo un repaso das actuacións, recentes ou en marcha, e das distintas achegas e programas do executivo autonómico na provincia de Ourense; o delegado territorial subliñou, unha vez máis, o reforzo do compromiso do Goberno autonómico con este territorio e significou a importancia do emprazamento desta reunión de traballo na Casa Grade de Viloira, sede administrativa da Xunta.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén, destacou que o desenvolvemento deste tipo de comisións, “serven para que flúa máis dinamicamente a información de xeito transversal entre os distintos departamentos, analizar entre todos a casuística que se está a producir nestes concellos do sur da provincia e atopar as mellores solucións”.

Deste xeito, o delegado territorial e o seu equipo valoraron positivamente as obras de reforma da Casa Grande de Viloira, na que o Goberno galego esta  investir, nunha primeira fase, 260.901,39 euros na restauración da fachada, a rehabilitación dos dous pórticos, o saneamento da carpintería de madeira no pórtico sur e da pedra vista e os elementos de forxa no pórtico este e na reparación da cuberta e baixantes. As obras continuarán coas reformas de mellora dos espazos interiores para ,segundo dixo, “manter a liña de mellora dos servizos administrativos da Administración autonómica, mellorar as condicións de traballo dos funcionarios e atender con eficiencia os intereses da veciñanza”. Neste senso, manifestou Gabriel Alén que “imos convertela Casa Grande de Viloira nun lugar de encontro para emprendedores, reforzando o persoal necesario na oficina agraria comarcal, e sexa a sede do polo de emprendemento, recentemente anunciado, nunha comarca estratéxica como é Valdeorras”. Desta maneira, -continuou- “estamos a preservar un dos edificios senlleiros da provincia e de Galicia vinculado á historia desta contorna, ás súas xentes e á súa cultura”.

As axudas polos incendios forestais do verán

O delegado territorial lembrou cunha das principais encomendas para calquera administración debe ser a atención a necesidades por catástrofes como os lumes que vivía esta comarca neste verán. Dende o primeiro minuto, a Xunta estivo ao lado dos afectados coa presenza do Presidente e conselleiros para aportar solucións cunha batería de axudas para a rehabilitación de vivendas, recuperación de explotacións gandeiras e agrícolas, infraestruturas empresariais, danos a Tecores ou ao Parque Natural da Enciña da Lastra e danos en infraestruturas públicas municipais.

Tal e como fixemos hoxe – explicou Gabriel Alén- este tipo de medidas implantadas necesitan dun seguimento que, con axuda dos técnicos, reforzan o extraordinario traballo do GDR para que estas axudas cheguen a bo termo. “Debemos estar vixiantes para que estas achegas se executen de xeito satisfactorio, pois xa levamos ingresado máis de 1,2M€ para comezar a reconstrución das vivendas afectadas”, recalcou o delegado. A Xunta dotou esta orde de axudas cun financiamento inicial de 3,2 millóns de euros para o período 2022-2024, aínda que este importe podería incrementarse en caso de ser necesario.

A sanidade, as infraestruturas, o desenvolvemento e a vivenda

Nunha das materias prioritarias para o Goberno galego como é a sanitaria, con dificultades na comarca de Valdeorras, derivada dos problemas para cubrir persoal, o delegado territorial manifestou que  “estamos a facer unha aposta importante a partir Lei de Medidas Extraordinarias aprobada no Parlamento de Galicia que nos permite cubrir por concurso de méritos prazas de difícil cobertura como as de Valdeorras”. Ante a pasividade do Goberno Central, a Xunta de Galicia actúa para dar solucións estruturais a este problema de carencia de persoal sanitario que padece España.

A maiores, máis de 400.000 € están previstos para concluír as obras do Hospital de Valdeorras, dos 2,5 M€ totais investidos; 1.227.505 € para o inicio da obra dun novo Centro de Saúde na Rúa, cuxo proxecto está xa adxudicado, e dentro da partida de 50,6 millóns para equipos de alta tecnoloxía en atención hospitalaria consígnanse os fondos para completar os pagos dos contratos licitados ao longo de 2022 cos fondos europeos Next Generation e que supoñen renovar 1 TAC no hospital de Valdeorras adxudicado por importe de 301.108€. Tamén se contempla mellorar a atención das urxencias en zonas especialmente dispersas como A Veiga ou O Bolo.

Respecto ás infraestruturas, Gabriel Alén, recoñeceu que unha das grandes necesidades para a comarca é a mellora das vías de comunicación por estrada e por tren. “A construción da A-76 e a recuperación das frecuencias ferroviarias pre pandemia son feitos imprescindibles aos que o Goberno central non da resposta”, sentenciou Gabriel Alén.

Mentres tanto, o delegado territorial indicou que dende a Xunta de Galicia estamos traballando nos estudios e proxectos para mellorar as estrada autonómica A Rúa – A Gudiña e así achegar a poboación de Valdeorras ao Ave, pois a Administración estatal rexeitou incluír nos fondos Next Generation esta mellora.

Gabriel Alén fixo referencia ao  traballo continuo da Xunta a prol das estradas desta comarca, como por exemplo a mellora da OU-603, travesía da Rúa, con 2,56M€; a mellora da estrada OU-533 que conecta  A Rúa -A Gudiña e que está a supoñer 2,2M€, neste momento estase a traballar nun tramo de 32 km entre A Gudiña, Viana do Bolo e o Bolo,  cuxo remate esta previsto para antes de que acabe o ano. Así mesmo, nos novos orzamentos está contemplada unha partida de 2,56M€ para esta estrada e a OU-540 (conexión Portugal- Baixa Limia).

No eido económico e medioambiental, o representante do Goberno galego mantivo que “imos a seguir apostando por mellorar as condicións do principal potencial  económico de Valdeorras, as explotacións mineiras, pero na que imos a seguir incidindo dende a Xunta de Galicia da man do sector, nas axudas para mellorar a seguridade laboral do traballador e tamén na recuperación ambiental, tal como sucede co proxecto que estamos a desenvolver para recuperar  unha escollera e convertela nun recurso turístico, e que ademais suporá un exemplo de desenvolvemento sustentable, donde debe ser a minería do futuro “

Ademais da recuperación da Casa Grande de Viloira, recurso patrimonial da comarca e sede administrativa da Xunta de Galicia, Gabriel Alén confirmou que “estamos a piques de comenzar a rehabilitación da Ponte Nova de Sobradelo, en Carballeda de Valdeorras, e continuaremos coa posta en valor do santuario das Ermitas, no Bolo, e do castro prerromano do Castrillón en Larouco; así como temos previsto o deseño de distintos albergues na comarca ou a potenciación do Centro Astronómico de Trevinca, na Veiga”.

En canto a vivenda, o delegado especificou a reserva de máis 2,75M€ para  proxectos do Plan Hurbe nos concellos de Viana do Bolo, A Veiga, Bande, Os Blancos, Vilariño de Conso, Boborás, Toén e A Peroxa; en materia de urbanismo recóllense 254.000€M€ para desenvolver os Plan Básicos de Viana do Bolo, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, , Cartelle, Padrenda, Porqueira, San Xoán de río, San Amaro, Montederramo e Chandrexa de Queixa; e 405.000€ para elaborar os PXOM dos concellos de Bande, A Gudiña, A Merca, A Peroxa, Celanova, Nogueira de Ramuín, O Carballiño, A Pobra de Trives, Vilar de Santos, Castro Caldelas, Manzaneda, Verín, Monterrei e Allariz.

Gabriel Alén concluíu subliñando o compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento da comarca de Valdeorras e o benestar das seus veciños, e considera que estes novos orzamentos “os máis altos da historia –recalcou- , con medidas de impulso para apoiar ás familias e as empresas e fortalecer os servizos públicos nun contexto económico de alza de prezos e custos como o actual; uns orzamentos que reflicten a cuarta rebaixa de impostos en nove anos para o  90% dos cidadáns cun aforro medio de 476 € menos no IRPF, son positivos para a provincia e para Valdeorras”.