
As autorizacións de proxectos eólicos na comarca de Tabeirós-Terra de Montes non cesan. Este mesmo mércores día 14 publicouse a autorización administrativa de Outeiro Grande situado na zona de Pardemarín, Curantes, Espiñeiros ou Valadares entre os Concellos de A Estrada e Forcarei. Con este, van xa 7 polígonos eólicos autorizados no noso territorio. A situación é máis alarmante que nunca.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia volve a ratificar as ilegalidades que están acompañando a tramitación dos proxectos deste boom eólico ao darlles a razón aos veciños e asociacións que denunciaron as eivas e afeccións do complexo eólico de Campelo, Bustelo e Monte Toural na zona de Santa Comba. A Asociación Alarma na Terra de Montes vai continuar loitando contra esta desfeita, agora, pola vía xudicial e xa está traballando na preparación do proceso contencioso. Para facer fronte aos gastos derivados da batalla xudicial, iniciáronse campañas de recadación colectiva para os distintos proxectos, que xa están abertas dentro da Campaña “Ti podes paralos” en colaboración con Adega.