O Premio Antón Losada Diéguez, que chega á súa 38 edición, será entregado esta fin de semana no Pazo de Moldes

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Segundo se establece no programa, ás 11.00 horas oficiarase unha misa na Igrexa de San Mamede de Moldes coa participación do Orfeón do Carballiño, á que seguirán dúas ofrendas florais

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Carballiño, 20 de xuño de 2023

O Premio Antón Losada Diéguez chega este ano á trixésima oitava edición e entregarase esta fin de semana no Pazo de Moldes. O xurado subliñou a gran calidade das obras de creación presentadas e decidiu outorgar o galardón, na modalidade de Investigación e ensaio, á obra “Nos días encantados de agosto. Biografía de José Gil . Para unha historia do cinema en lingua galega” (Editorial Galaxia), de Manolo González. Trátase dun libro orixinal e novidoso que dá a coñecer a vida e obra dun artista excepcional ata agora descoñecido: o fotógrafo e cineasta José Gil.

Na modalidade de Creación Literaria concedeuse o premio a “O tradutor de sombras” (Edicións Xerais), de Moncha Fuentes. Trátase dunha novela que incita a experimentar e gozar cos cinco sentidos, unha imitación á reflexión que conmove e remove os sentimentos. 

Segundo se establece no programa, ás 11.00 horas oficiarase unha misa na Igrexa de San Mamede de Moldes coa participación do Orfeón do Carballiño, á que seguirán dúas ofrendas florais; unha a Antón Losada Diéguez e outra a don Manuel Chamoso Lamas. A partir das 12.00 horas farase entrega dos premios.

O xurado que deu a coñecer a decisión estivo composto polo concelleiro de Cultura do Concello do Carballiño, Diego Fernández; Celia Pereiro, en representación da Real Academia Galega; Rebeca Blanco, do Consello da Cultura Galega; Xosé Carlos Sierra, do Museo do Pobo Galego; Luis E. González Tosar, da Deputación de Ourense; Rosa María Pérez do Concello de Boborás, Ernesto Xosé González, da USC; Xosé Henrique Costas, da Universidade de Vigo e Xosé Manuel Sánchez Rei, da Universidade da Coruña.