A exposición «A nosa arte», con obras do Parlamento de Galicia, inaugúrase onte en Afundación Ourense

I «A nosa arte», unha mostra de pezas da colección do Parlamento de Galicia, conta, ademais de coa colaboración de Afundación, coa participación da Xunta de Galicia e da Real Academia de Belas Artes

I Aberta ata o vindeiro 21 de outubro na Sala de Exposicións Afundación Ourense, itinerará por todas as sedes galegas de Afundación, atendendo á súa vocación de difusión entre a sociedade galega

AVANTAR ACTIVIDADES

21.06.2023. A Sala de Exposicións Afundación Ourense acolleu hoxe, mércores 21 de xuño, a inauguración da exposición «A nosa arte», que se poderá visitar ata o vindeiro 21 de outubro. No acto estiveron presentes o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; o vicepresidente de Afundación, Xosé Carlos Caneiro; o director xerente de Afundación, Pedro Otero; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; e as tres persoas comisarias da mostra, María Victoria Carballo-Calero, Felipe Senén López e Carlos Valle.

A mostra está constituída por unha selección de 35 pezas da Colección de Arte do Parlamento de Galicia, que atesoura un total de 300 obras de arte galega, unha memoria viva das diferentes etapas históricas que, ao longo dos últimos cen anos, determinaron as tendencias artísticas adoptadas en Galicia.

Esta mostra, na que colaboran tamén a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega de Belas Artes, caracterízase pola súa vocación de difusión entre a cidadanía galega. Deste xeito, a Sala de Exposicións Afundación Ourense é a terceira das itinerancias dun proxecto que percorrerá todas as sedes da Obra Social de ABANCA en Galicia, incorporando, ademais, en cada localidade, algunhas das pezas das creadoras ou creadores máis emblemáticos desa zona en particular. Trátase, pois, como resaltou Xosé Carlos Caneiro, vicepresidente de Afundación, na inauguración de hoxe, «dunha iniciativa fundamental para afianzar o coñecemento do esforzo e da implicación de tantas e tantos artistas de Galicia por contribuír ao enriquecemento do noso patrimonio cultural mediante a combinación dos trazos identitarios propios e a necesaria influencia internacional. Nesta mostra contemplamos a conxunción de correntes grazas á cal xorde unha arte galega que, desde finais do século XIX, actúa como unha das máis potentes canles de comunicación desde Galicia e cara a Galicia».

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, puxo de relevo, pola súa parte, a relevancia de «achegar a todos os galegos o valiosísimo legado que atesoura a Cámara autonómica, homenaxear a todos eses artistas que contribuíron a construír Galicia e a descubrir a fonda pegada que Ourense ten nesta valiosa colección».

Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, destacou o papel catalizador da arte galega impulsada moi especialmente a raíz dos movementos galeguistas do primeiro terzo do século XX. «A Galicia contemporánea, e a nosa autonomía son tributarias da Xeración Nós, polo seu exemplo e inspiración. Un século despois, as e os artistas galegos acreditan, pola vía dos feitos, co seu traballo, que son dignos sucesores daqueles mestres que inzaron Galicia de talento, de orgullo, de espírito de superación e dun cosmopolitismo que tanto precisabamos».

Manuel Quintana Martelo, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, salientou «que hoxe celebramos esta mostra, esta dignísima exposición dunha colección pública que dá exemplo de país, que promove unha gran riqueza cultural e serve de plataforma para que moitos dos nosos creadores teñan un lugar onde a súa obra é visitada e contemplada: no Parlamento de Galicia, a casa do pobo».