Espazo Común pedirá medidas para maior participación e transparencia

“O pasado día 28 de maio a veciñanza do Carballiño expresou de xeito case inapelable unha opinión maioritaria: fanse imprescindibles e urxentes unha numerosa serie de cambios no modelo de xestión levada a cabo nestes últimos anos polo goberno socialista de Fumega.

Ante a ausencia clara dunha maioría suficiente para soster un goberno sólido e a negativa tanto de PP coma de PSOE para explorar acordos que o permitiran, atopámonos co grupo de goberno máis feble da historia desta vila. E por agora tampouco semella que entenderan demasiado ben a mensaxe do pobo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Cando para todos é evidente que urxe analizar as causas deste descontento cidadán, o único que escoitamos ata o de agora ten que ver con soldos e postos. Das novas dinámicas e das modificacións reclamadas alto e claro pola veciñanza nada se sabe.

30 días despois das eleccións ninguén fala de abrir portas e ventás para rematar coa opacidade, non se fala de como se vai fomentar a participación cidadá e de como se vai mellorar ostensiblemente a resolución de asuntos de gran importancia para os que reloxo vai correndo na contra do pobo: Centro de Saúde, Asilo, Parque Empresarial, etc…

Ante esta situación de desleixo, o Grupo Municipal de Espazo Común vai presentar unha xeira de propostas que, ao noso xuízo, deberan ser o punto de partido para comezar a mellorar de verdade a xestión do Concello:

-Celebración dos plenos en horario de tarde para facilitar a participación de tódolos veciños que o desexen.

-Devolución ao Pleno Municipal de tódalas competencias que lle foron retiradas a raíz da maioría absoluta do PSOE de hai catro anos.

-Recuperación das comisións informativas de área coa participación dos concelleiros do goberno responsables de cada unha delas para que estas sexan útiles de verdade e cumplan coa súa función.

-Cumprimento da lei no tocante á publicación na web municipal de tódolos contratos menores asinados polo Concello.

-Recuperación do compromiso de tratar os orzamentos municipais no Consello de Participación Cidadá e reactivación deste.

Agardamos o apoio do resto de grupos a esta lista de demandas que o que procuran é comezar as melloras polo principio, polo funcionamento interno da institución municipal para coa maior celeridade posible acadar notables avances nos servizos e proxectos que dela deben emanar”.