Jacobo Senín non deu opción aos seus rivais na subida a Pontenova

Jacobo Senín, aos mandos da Nova NP01, foi o absoluto dominador da décima edición da Subida A Pontenova, segunda proba puntuable para o Campionato de Galicia de Montaña.

Ao longo das dúas xornadas de competición, Senín non só foi o máis rápido nas catro mangas oficiais, senón que tamén rebaixou o récord da proba deixandoo fixado en 1:54.705, firmando un fin de semana perfecto na rampa lucense que tivo case 40 equipos na liña de saída.

AVANTAR ACTIVIDADES

O segundo lugar da clasificación, logo do abandono de Alexis Vieitez ao remate da segunda manga do sábado por unha avería mecánica, foi a parar ás mans do ourensán Abrahán Vázquez, que no Fórmula Dicode quedouse a 24,661 segundos do primeiro clasificado.

Nesta ocasión o terceiro posto foi para outro piloto ourensán, Jorge Fernández Vilarchao, no Forwin, a 28,810 segundos do primeiro posto da clasificación.

No cuarto posto e primeiro na categoría de carrozados rematou o lucense José Alonso Liste, que aos mandos do Ginetta GT4 demostrou o seu ritmo grazas a súa presenza habitual no Campionato de Europa de Montaña.

Liste foi o máis veloz en tres das catro mangas oficiais, catro segundos máis rápido no cómputo xeral que Jorge Pérez Alonso (quinto da xeral absoluta), no fermoso Porsche 991 GT3. Completou o podio da categoría de carrozados, Sergio Vallejo (sexto da xeral absoluta), a case dez segundos do piloto do Ginetta.