Marina Ortega do grupo socialista proponlle ao goberno galego melloras substanciais nas instalacións de Aspanas para “blindar a dignidade das persoas con discapacidade”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Marina Ortega alerta de que as instalacións atópanse “ao límite da habitabilidade” con serios problemas de illamento para afrontar as temperaturas extremas da provincia

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Santiago de Compostela, 06 de xullo de 2023. A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, reclamoulle á Xunta melloras substanciais nas instalacións do centro da Asociación de familiares de persoas con discapacidade intelectual de Ourense -Aspanas-, que se atopa “ao límite da habitabilidade”. A responsable socialista presentou unha pregunta oral no Parlamento na que reclamou “blindar a dignidade das persoas con discapacidade” que utilizan este centro.

Ortega alertou de que as instalacións carecen do illamento necesario para unha provincia con temperaturas extremas como é Ourense, e urxiu á Xunta a executar no menor tempo posible as actuacións previstas nas cubertas. Ademais, reclamou que melloren o sistema de calefacción, os vestiarios e a sala de enfermaría, así como as fiestras, xa que a instalación actual “deixa pasar frío e calor”.

A parlamentaria socialista apuntou que o inmoble conta cunhas instalacións “do século pasado”, totalmente obsoletas e incapaces de garantir a habitabilidade dun clima extremo como o desta provincia. Lembra que a propia Aspanas presentou no pasado mes de outubro un proxecto de reforma integral con cargo aos fondos europeos, pero que foi desestimado polos problemas burocráticos da Xunta e porque a Deputación evitou asegurar o cofinanciamento que necesitaban.

Baleiro de atención

Ortega lamentou que as persoas con discapacidade de Ourense padecen un “baleiro de atención” tanto pola situación destas instalacións como polos retrasos no Centro de Atención de Persoas con Discapacidade -CAPD- de Ourense reclamado dende hai máis de 7 anos e que aínda está a ser executado pola Xunta. Reclamoulle ao goberno galego que cumpra co acordo acadado en 2016 e garanta a xestión pública directa deste servizo.