O Psdeg-Psoe de Toén acusa ao alcalde de mentir e de tratar de apuntarse o “mérito” do servizo Conéctate 35, que dará cobertura a aqueles fogares que non dispoñen de fibra óptica

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os e as socialistas explican que o rexedor do municipio “vendeu a bombo e platillo entre a veciñanza este servizo, como un logro do seu goberno, cando se trata dun programa lanzado polo Goberno central”

O voceiro do PSdeG-PSOE, Antonio Fernández, afirma que o alcalde “minte cando di que está farto de que non chegue o plan único do 5G, xa que esta medida do Conéctate 35 sirve para paliar a falta de conexión, namentres non se remata de implantar o 5G no municipio”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Toén, 7 de xullo de 2023. O PSdeG-PSOE de Toén acusa ao alcalde do Partido Popular, Ricardo González Gómez, de mentir “descaradamente” ao tratar de vender como propia unha iniciativa do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Os e as socialistas acusan a González Gómez de “confundir” á veciñanza e de apuntarse o “mérito” do programa UNICO Demanda Rural e o servizo Conéctate 35 de Hispasat, que permitirá ofrecer conexión de alta velocidade aos veciños e veciñas que a día de hoxe non dispoñen de fibra óptica.

Dende o grupo municipal socialista de Toén explican que o rexedor do municipio “vendeu a bombo e platillo entre a veciñanza este servizo, como un logro do seu goberno, cando se trata dun programa lanzado polo Goberno central”. Os e as socialistas afirman que o alcalde “non tivo nada que ver neste proxecto” e fan fincapé en que “se trata dun programa temporal ata que chegue a fibra óptica a todos os fogares aos que aínda non puido chegar”. Neste senso tamén apuntan que esta foi unha lexislatura “moi complexa”, por mor da pandemia da COVID-19 e da guerra de Ucraína “motivos que impediron o despregue completo da fibra óptica en Toén”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Toén, Antonio Fernández Feijóo, destaca que “o único mérito do alcalde foi contratar a unha empresa para vender o produto, pero existen moitas empresas, incluso en Galicia, sen ter que ir buscala a Madrid e que o poden facer e na propia páxina do ministerio, calquera pode contactar directamente co mesmo para a instalación do servizo, sufragado polo Goberno central”. O voceiro socialista aféalle ao rexedor a súa “nefasta actitude” e pídelle que “se centre en conseguir investimentos para o municipio, en lugar de apropiarse do traballo e investimentos do Goberno do Estado”.

Fernández Feijóo tamén afirma que o alcalde “minte cando di que está farto de que non chegue o plan único do 5G, xa que esta medida do Conéctate 35 sirve precisamente para paliar a falta de conexión, namentres non se remata de implantar o 5G no municipio”. Neste senso, o voceiro do PSdeG-PSOE afirma que en Toén “o plan único de 5G aprobado en 2022 permitiu chegar xa a máis de 700 vivendas e empresas do concello”.

Dende o PSOE lémbranlle ao grupo de goberno do Partido Popular que o programa Único Demanda Rural e o servizo Conéctate 35 “é unha solución transitoria que ofrece o Goberno en tanto en canto non conclúen os proxectos de extensión da fibra óptica que se están a executar e que teñen como obxectivo garantir a conectividade do 100% do territorio de Galicia a finais de 2025”. O Goberno mobilizou máis de 107 millóns de euros para dotar de fibra óptica a 55.700 fogares e empresas da provincia de Ourense. Os potenciais beneficiarios deste programa son as persoas, sociedades e empresas que residen en zonas nas que, hoxe en día, non dispoñan de cobertura de conexión con tecnoloxía terrestre fixa.