Esta planificación pretende reducir ao máximo posible as consecuencias ecolóxicas, forestais e económicas dos incendios forestais
A Xunta de Galicia actualizou, como cada ano, o Pladiga (Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia) de acordo cos recursos dispoñibles e coas novidades das que dispoñen neste 2023. O seu obxectivo principal: reducir ao máximo posible as consecuencias provocadas polos lumes, tanto ecolóxicas e sociais coma económicas. Este ano, Galicia conta con 40 parroquias definidas como de alta actividade incendiaria, cinco máis ca o pasado ano. Deste total, 14 son novas neste listado, mentres que 10 delas xa non teñen este distintivo. Entre as novas atópase Ribasieira (Porto do Son), Quins (Melón), Padrenda (Padrenda), Casaio (Carballeda de Valdeorras), A Xironda (Cualedro), Chaguazoso (A Mezquita), Oímbra e A Granxa (Oímbra), Grixoa (Viana do Bolo), Vilamaior da Boullosa (Baltar), Prado de Limia (Muíños), Mourentán (Arbo), San Salvador de Budiño (O Porriño) e Saiar (Caldas de Reis). Mentres, saen do listado a do Pindo (Carnota), Ourense (Ourense), Paradela (Manzaneda), San Millao (Cualedro), A Esculqueira (A Mezquita), A Fraga (Lobeira), San Paio de Araúxo e Río Caldo (Lobios), Guillamil (Rairiz de Veiga) e Rebordechau (Vilar de Barrio).
Os medios humanos e materiais serán semellantes aos das últimas campañas: máis de 7.000 persoas da Xunta e outras administracións, 380 vehículos motobomba e 30 medios aéreos autonómicos e do Estado.
Adaptándose aos avances, o Pladiga incorpora melloras tecnolóxicas e innovadoras, ademais de contar cunha nova ferramenta para facer fronte aos grandes lumes e segue en vixencia o plan de formación 2021-2024.

O novo Pladiga 2023 incorpora novidades no aspecto tecnolóxico.
Aumento da prevención
A Xunta de Galicia incrementa nun 17% o orzamento neste 2023 no Plan preventivo, con case 39 millóns de euros. Este plan prevé a actuación en 60.000 hectáreas de terreo, 5.600 quilómetros de pistas forestais e en case 5.000 puntos de auga entre os existentes e os novos. Entre abril de 2023 e marzo de 2024, prevese executar queimas prescritas no triplo de hectáreas ca o pasado ano.
Neste senso, tamén se está a promocionar unha novidade para fomentar a limpeza de montes, a través dun visor público que mostra aos cidadáns as parcelas. E para o seu mantemento, o convenio de protección das aldeas posto en marcha pola Xunta, a Fegamp e Seaga prevé a execución subsidiaria de 2.790 hectáreas, contanto xa con 279 concellos adscritos ca finalidade de sumar unha medida máis de prevención.
Novas brigadas especializadas
O Pladiga 2023 contempla unha nova ferramenta para facer fronte aos lumes con alto potencial de converterse en grandes incendios forestais. Trátase dunha unidade de directores de extinción, formada por técnicos, axentes, bombeiros e emisoristas entre outros departamentos, e que dependen directamente da Dirección Xeral de Defensa do Monte. As características de cada lume serán as que definan que persoas conformarán esta unidade.
Neste senso, a formación tamén se adapta a estes grandes lumes, actualizando os coñecementos para mellorar a organización e adestramentos no manexo deste novo equipamento como os equipos de comunicación Tetra ou os novos vehículos de extinción.
Este ano, Galicia conta con tres novas brigadas públicas helitransportadas, que serán un apoio fundamental para estas unidades e coa garantía de ofrecer medios e persoal durante todo o ano. Estarán nas bases do Barco de Valdeorras, no Xurés (Muíños) e en Queimadelos (Mondariz).
Para reforzar os medios desta nova unidade, a Xunta prevé adquirir 15 motobombas e 12 batracios, que consisten nun tractor con cisterna, trituradora multifunción e polidozer.

Máis tecnoloxía na vixilancia
Os avances tecnolóxicos incorpóranse cada ano tamén á loita contra os incendios, ca finalidade de facilitar a prevención a través da vixilancia. Para iso, increméntanse en cinco as cámaras dispoñibles, ata as 153 ubicadas en 76 localizacións. Son cámaras con alta capacidade de gravación deseñadas para a vixilancia en exteriores coa última tecnoloxía.
En canto ás aplicacións dixitais, a Xunta implementará melloras no XeoCode Lite, a ferramenta que rexistra o punto de inicio e o avance do lume, con fotografías, perímetros e outros datos de interese.
Neste ano porán en marcha outra aplicación web destinada a controlar e supervisar a maquinaria pesada e que actualizará a intercomunicación entre os dispositivos que usan o mesmo sistema de comunicación, como o 061, a policía, o 112 e os bombeiros urbanos.

Formación a todos os niveis
A Xunta de Galicia puxo en marcha un Plan de formación para o período 2021-2024 que segue vixente, co obxectivo de unificar e adaptar as ensinanzas ás necesidades e ás categorías dos profesionais que conforman o servizo contra incendios e ademais, reforzar a profesionalidade dos efectivos.
Para o 2023, este plan incrementa o seu orzamento ata os 700.000 euros e conta con catro programas: dous deles dirixidos ao Servizo, o terceiro deseñado para o persoal dos concellos que participa na extinción e o cuarto para a sociedade do rural. En total serán 33 cursos con máis de 13.400 prazas dispoñibles, en modalidade presencial ou telemática, para os profesionais do sector.
Para os traballadores das administracións locais, continuarase con formación práctica coma nos anos anteriores, con 75 xornadas de sete horas, centradas na seguridade e saúde no traballo e prevención de riscos.
Tamén se impartirán unhas 40 charlas para a poboación do rural, centradas na concienciación, en técnicas de autoprotección e como dar coas causas dun lume.
