O Psdeg-Psoe de Riós denuncia que o PP leva “escondendo” dende o 26 de xuño unhas analíticas de autocontrol da auga que amosan que non é apta para o consumo

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os e as socialistas afirman que a situación “é extremadamente grave”, xa que tal e como apuntan a pesar da “perigosa” situación para a saúde da veciñanza, o concello non alertou, nin informou desta situación, nin a través de bandos, nin de ningunha outra forma
Marina Vaz insta a alcaldesa a “dar as explicacións oportunas sobre as razóns polas cales non se comunicou esta situación á veciñanza durante un mes, no cal se puxo en perigo a súa saúde”
Ourense, 31 de xullo de 2023. O PSdeG-PSOE do Riós denuncia que o goberno municipal do Partido Popular leva “escondendo e tapando” dende o pasado 26 de xuño unhas analíticas de autocontrol da calidade da auga na que a mesma foi calificada como non apta para o consumo. Os e as socialistas afirman que a situación “é extremadamente grave”, xa que tal e como apuntan a pesar da “perigosa” situación para a saúde da veciñanza, o concello non alertou, nin informou desta situación, nin a través de bandos, nin de ningunha outra forma.
Dende o grupo municipal socialista explican que tiveron constancia da situación a través do sistema de información nacional de augas de consumo (SINAC), dependente do Ministerio de Sanidade e apuntan que “na análise hai tres parámetros que no real decreto 3/2023 do 10 de xaneiro se definen como obrigatorios e cuxos valores están fora de rango”. Neste caso e tal e como apuntan os e as socialistas “os parámetros anómalos fan referencia as bacterias coliformes, cun valor de 153, ao enterococo, cun valor de 20 e a escherichia coli, cun valor de 153, cando en todos os casos debería ser 0, como o foron en anteriores analíticas”.
A voceira do PSdeG-PSOE no Riós, Marina Vaz Quintillán, afirma que “estamos ante un caso de grave perigo para a saúde pública, polo que non entendemos a actitude da alcaldesa, ao non avisar á veciñanza que a auga non é apta para o consumo”. A concelleira socialista esíxelle ao concello de Riós e ao grupo de goberno do PP que “proceda, non só a avisar á veciñanza da perigosidade que con leva consumir auga nestes momentos, senón a facelo da forma máis adecuada para que toda a veciñanza teña constancia da situación e poidan tomar as medidas de prevención que consideren oportunas”.
Vaz Quintillán tamén insta a alcaldesa, Eva Barrio, a “dar as explicacións oportunas tanto ao noso grupo político como a veciñanza sobre as razóns polas cales non se comunicou dende o concello unha situación tan importante para a veciñanza durante un mes, no cal se puxo en perigo a saúde da veciñanza”.
Os e as socialistas xa presentaron por rexistro un escrito dirixido á alcaldía para que aclare todas estas circunstancias e no que instan ao concello a “realizar todas as accións necesarias para corrixir estes valores da auga e que volva a ser apta para o consumo”. Dende o PSdeG-PSOE Riós agardan que o PP “dea todas as explicacións oportunas e solucione esta grave problemática de saúde pública”.