O grupo socialista na Deputación de Ourense solicita a entrada en vigor dun plan único nos orzamentos provinciais de 2024

Diante da predisposicion manifestada polo presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, o Grupo Provincial do PSdeG-PSOE requinta a súa proposta con vistas ao inicio inminente das negociacións para a adopción dun mecanismo de financiación xusto.   

A proposta socialista confórmase como un plan de axuda ás administracións locais moito máis ambicioso, que segue criterios obxectivos e que é capaz de aportar respostas acaídas coas necesidades dos Concellos, sexan do partido que sexan“, sostén Álvaro Vila, voceiro do Grupo Provincial socialista.

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 31 de agosto de 2023. O Grupo Provincial do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense urxe a adopción dun Plan Único de colaboración cos 91 Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes no inicio desta nova lexislatura. Diante do compromiso coa adopción dun mecanismo de financiación xusto, que non tome en consideración a cor política dos municipios, amosado polo presidente da institución, Luís Menor, en diferentes entrevistas e intervencións públicas, o Grupo Provincial do PSdeG-PSOE requintou a súa proposta ao longo destas últimas semanas con vistas ao inicio inminente dunhas negociacións que teñen por obxectivo a entrada en vigor do Plan Único nos orzamentos provinciais de 2024.

“Alén da racionalización e simplificación de procedementos, a proposta socialista confórmase como un plan de axuda ás administracións locais moito máis ambicioso, que segue criterios obxectivos e que é capaz de aportar respostas acaídas coas necesidades dos nosos veciños e daqueles que lexitimamente os representan nos Concellos, sexan do partido que sexan”, sostén Álvaro Vila, voceiro do Grupo Provincial do PSdeG-PSOE. Para Vila, “sendo para nós unha reivindicación histórica, estimamos ineludible a elaboración dun Plan Único de colaboración cos concellos da provincia e a súa inclusión no Orzamento para o ano 2024, o que permitiría que a Deputación de Ourense cumpra coa súa competencia legal de colaborar con todos os muncipios por igual”.

A proposta socialista, que toma en consideración os criterios establecidos pola propia FEGAMP (superficie, poboación, dispersión e envellecemento) e os plans únicos que xa rexen no resto de provincias galegas, contempla que os investimentos sexan consecuentes co orzamento global da provincia, dotando aos concellos de recursos suficientes para a asunción do seu cometido, e que os recursos se repartan de xeito obxectivo na procura dunhas mellores condicións de vida para veciñas e veciños. Consciente da novo contexto político, non contando o PP cunha maioría absoluta na Deputación de Ourense, o Grupo Provincial do PSdeG-PSOE ábrese a consensuar a súa proposta co resto de partidos para obter o máximo apoio posible para implementar un Plan Único.

O Consello de Contas ten concluido que oito de cada dez contratos e subvencións da Deputación de Ourense foron adxudicados discrecionalmente, incumprindo os principios de concorrencia competitiva e transparencia, notando o ente fiscalizador o recurso irregular e masivo do mecanismo de contratos menores. O presidente sainte da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, apoiase na institución para sustentar un sistema clientelar arredor do reparto “a dedo” de fondos e postos públicos, dispensando subvencións nominativas aos concellos do PP en detrimento do resto. A través deste sistema, un 97% dos fondos da Deputación de Ourense en 2022 foron para concellos gobernados polo PP: nos orzamentos, que exclúen á capital provincial, os municipios de menos de 20.000 habitantes gobernados polo PP, que suman 91.687 habitantes, obtiveron 5,4 millóns de euros en investimentos, mentres que apenas 188.000 euros foron asignados aos muncipios gobernados polo PSdeG-PSOE, porén de totalizar 91.867 persoas.