O Irixo convértese no punto de encontro da música tradicional coa IV Bullada de Outono e o concerto de Xisco Feijóo

---------------------------------------------------------------------------------------------------------
  • O polideportivo municipal acollerá o sábado 17 de outubro unha xornada con agrupacións folclóricas, múltiples sorteos e foliada libre.
  • A edición deste ano celebra os 50 anos de traxectoria da Banda de Gaitas e Danzas O Irixo.

O Irixo, 13 de outubro de 2026.– A Banda de Gaitas e Danzas O Irixo e a Asociación de Gaiteiros do Irixo ultiman os preparativos para a IV Bullada de Outono, que se celebrará o vindeiro sábado 17 de outubro a partir das 18:00 horas no Pavillón Polideportivo Municipal. O evento, que busca recuperar as tradicionais bulladas, denominación propia do Irixo para referirse ás foliadas, promete consolidarse como unha das grandes citas culturais do outono na contorna, cun programa que inclúe música en directo e o concerto do recoñecido artista Xisco Feijóo.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A xornada comezará cun obradoiro de baile tradicional galego impartido por Ismael Rodríguez. A partir das 19:00 horas, dará comezo a foliada cos grupos invitados: Sete Estralos, Os Biruxes, Os Trasnos de Doade, Pandeireteiras Ponte da Prata, De Pé Feito e Pandeireteiras Xúa da AOFT, Ferreñas do Testeiro e as Pandeireteiras de Zobra. O concerto de Xisco Feijóo co seu espectáculo “Traede Ferrallada” será un dos momentos centrais da noite, que dará paso á foliada libre, aberta a que calquera asistente se poida unir co seu propio instrumento.

Ademais da oferta musical, o recinto contará con servizo completo de bar e venda de bocadillos e bebidas, así como postos con merchandising oficial. Durante toda a xornada realizaranse múltiples sorteos con rifas que xa están á venda, e tamén se poderán adquirir o propio día do evento.

Esta IV Bullada de Outono ten un significado especial, xa que se enmarca nos eventos que conmemoran os 50 anos de traxectoria da Banda de Gaitas e Danzas O Irixo. Fundada co obxectivo de preservar e difundir o patrimonio cultural galego, a agrupación reafirma o seu compromiso para que estas citas sigan medrando, favorecendo o intercambio entre xeracións e apostando por impulsar a actividade cultural no Concello do Irixo.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------