Facemos pública a Acta da Asemblea Extraordinaria celebrada o día 05 de setembro de 2023 “Presente e Futuro do Conservatorio”
O Carballiño, 05 de setembro de 2023
ASEMBLEA EXTRAORDINARIA
A data de hoxe, en sesión celebrada ás 19:00h en primeira convocatoria e ás 19:15h en segunda convocatoria, no Conservatorio Municipal do Carballiño, sede da Anpa do Conservatorio do Carballiño, coa presenza da Directiva da Anpa, de 12 pais/nais e socios/as e do Concelleiro de Persoal, Emerxencias e Seguridade Cidadá, tamén en calidade de pai, Alberto Otero Carneiro, procédese a levar a cabo a seguinte orde do día:
1. Debate e reflexión sobre o presente e futuro da escola de música e conservatorio.
2. Actuacións a partir dos escritos e solicitudes presentados.
3. Altas de Socios/as na ANPA (a cuota será de 10€ anual por familia socia). Nesta Asemblea poderán facerse novos socios/as pudendo votar nesta mesma.
4. Rogos e preguntas.
Debido aos últimos acontecementos relacionados ca problemática do Conservatrio e debido á falta de prazas en resposta á gran demanda de matrículas en tódolos instrumentos da oferta educativa do centro, a Directiva da Anpa convocou unha Asemblea Extraordinaria para tratar os puntos anteriormente mencionados.
O 31 de agosto de 2023 tratouse no pleno da corporación municipal a moción sobre as melloras necesarias no Conservatorio e escola de música, a temática sobre as melloras na situación laboral do profesorado, constratacións e ampliación de horario para atender á demanda das matrículas así como as melloras nas instalacións e revisión das taxas que paga o alumnado. Dita moción presentada non prosperou manifestando o portavoz do grupo de goberno a inviabilidade económica para ampliar o equipo docente. Tamén se tratou sobre a ausencia de protocolo de emerxencias e ausencia de plan de autoprotección para o Conservatorio e Auditorio, incluida a xestión para avaliar o risco de presenza de gas radón no centro revelado polos propios traballadores do centro e anunciado na memoria anual final do centro.
Abriuse debate existindo de forma unánime “un descontento” entre tódolos participantes lamentando a falta de medidas correctoras ante as carencias do centro encamiñadas a mellorar a calidade educativa. Na reunión, o Concelleiro Alberto Otero recalcou que non é posible aumentar o gasto de persoal e que se debe traballar sobre a liña de solicitar financiación a outras administracións. A Anpa ofreceuse a acompañar aos responsables do Conservatorio en tódalas iniciativas que se fagan dende o Concello chegando a algún tipo de mobilización se fose necesario. Quedou confirmado que o curso escolar no Conservatorio comeza sen ningún tipo de mellora e co mesmo equipo docente coa única excepción dun aumento de contrato no profesor de violín de 6 horas lectivas. Non queda atendida ningunha petición de matrícula en: guitarra, canto, frauta travesa e piano. Na reunión chegouse á conclusión de que existiu unha fuxida de matrículas ás escolas de música da contorna: Escolas de música de Boborás, de Coles e de Ribadavia. Nembargantes, si houbo unha matriculación masiva para o alumnado “granel” de agrupacións e actividades musicais do Conservatorio. Medra a matriculación en coro infantil, batucada e percusión.
Por outra banda, peticionouse ao representante do Concello que se resolva o asunto laboral dos profesores e en canto se resolva o asunto da financiación externa do Conservatorio se active unha campaña de captación de alumnado para a escola de música nas familias de instrumentos minoritarios co obxectivo de poder potenciar a banda musical, causa principal da fuxida do alumnado a outras escolas da comarca na familia do vento. A matriculación do alumnado para ese plan de captación pode iniciarse en calquera momento do curso, canto antes, para incentivar a matrícula do Conservatorio no próximo curso escolar 2024/2025.
Pediuse ao representante do Concello máximo compromiso por parte do grupo gobernante para potenciar e poñer en valor o Conservatorio e realizar tódalas medidas correctoras para aumentar a matriculación nas familias de instrumentos minoritarios.
Así mesmo, lamentouse de forma especial a falta de vontade por parte do grupo gobernante en contratar profesores especialistas en linguaxe musical e composición. É necesario por en valor o “grao profesional” e poder garantir unha boa calidade educativa na formación do alumnado do Conservatorio.
É público e notorio a falta de alumnado vocacional dende fai uns anos. Tódalas medidas e solucións propostas dende a Anpa deben activarse “canto antes” para paliar a fuxida de matriculacións a outras escolas.
Finalmente, tratouse o asunto da seguridade do centro: Dende a Anpa solicitouse ao responsable de Seguridade Cidadá e Emerxencias do Concello que se faga unha “avaliación de rigor” do risco en canto á contaminación de gas radón do centro para garantir a saúde do alumnado e do persoal docente. Peticiounouse máxima claridade e información sobre o asunto e paliar a incertidumbre existente entre tódala comunidade educativa e usuarios de centro.
Destes acordos levántase acta e fírmase en conformidade. Dáse por finalizada a Asemblea ás 22:00horas.