A Avenida 25 de xullo ( antes Avenida da Estación ) nos anos 60. Comercios e profesionales

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Serán posibles as publicacións sobre o Carballiño dos anos 60, porque Santiago Cacho Rodríguez accede a darnos o consentimento para utilizar o seu blog:

O CARBALLIÑO, CALLEJERO AÑOS 60 (asruasdocarballino.blogspot.com)

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Con este blog, Cacho tratou de lembrar e homenaxear aos comerciantes e profesionais que, coas súas respectivas actividades, contribuíron a manter viva a vila, na época da existencia da última rondalla da vila carballiñesa, e do grupo de música pop – rock “Los Poker”

Esta imaxe ten o atributo alt baleiro; o seu nome de arquivo é Santiago-Cacho-callejero-2.jpg

Este grupo de mozos, moitos deles alumnos de Don Juan Corral, amenizaron os entroidos dos anos sesenta cos seus desfiles e actuacións durante tres anos. 

A crónica da curta existencia de ambas formacións queda contida no blog:

https://pulpopokers.blogspot.com/2019/08/lospoker.html

Os documentos escritos que Cacho inclúe no seu blog “Carballiño. Callejero años 60” proceden da prensa da época (Faro de Vigo e La Región), da revista “Ambiente” e, sobre todo, das actas de xuntas municipais e plenos e dos programas de festas de San Cibrao.

A maioría dos antigos documentos gráficos empregados no citado blog proceden da publicación de Miguel Anxo Fernández: “Vellas Historias Vellas Fotografías 1870 – 1970” (1992). Tamén se utilizaron fotos do álbum de Xosé Manoel Rodríguez González (Pichi): “O Carballiño 1869-1979 Álbum Fotográfico da Vila do Arenteiro” (2010), de José Luis Diz: “Xentes do Carballiño 1890 – 1990” (2016) , de “Potiños”: “O Carballiño, Industria e Comercio – 1925-1995″ (2019), cuxa selección e recopilación fotográfica foi feita por José Luis Diz Rodríguez e Manuel Blanco Guerra ” Celta “, e algunha achega de Moncho Fuentes.

A parte das fotografías propias do redactor, importante foi a achega de fotografías dos familiares dos comerciantes e profesionais citados.

BADAL NOVAS

Da grazas por poder dispor do dito blog e publicalo no noso medio, traducindo ao galego as notas e comentarios que aparecen en castelán no blog orixinal, completando ca nosa propia información sobre os profesionais e comerciantes e engadindo as novas fotos que achegaron os seus familiares. Agradecemos as fotos de MONCHO FUENTES e, sobre todo, as aportadas polo profesor do IES Nº1 JUAN VALCÁRCEL OBELLEIRO e o grupo de alumnos do curso 1991-92 ( Jaime Pérez, Patricia Paniagua, Mª José Vázquez, Encarna Rodríguez e Susana Rey ) que cursando a asignatura de Deseño fixeron un traballo sobre o urbanismo do Carballiño.


Coñecida entón como a Avenida ou Estrada da Estación, era unha arteria moi pouco poboada, onde o máis relevante eran as casiñas dos empregados de Renfe e a propia Estación.

O nome actual ” Avenida 25 de Xullo ” rememora o Día Nacional de Galicia, tamén coñecido como Día dá Patria Galega. É a festa oficial da comunidade autónoma de Galicia, segundo decreto da Xunta de Galicia do 1 de xaneiro de 1979, publicado no Diario Oficial de Galicia. Celébrase o día 24-25 de xullo, día da festividade do apóstolo Santiago.
(Wikipedia)

Los hermanos Otero y Lola Cacho delante de las casitas de Renfe

O nome actual rememora o Día Nacional de Galicia, tamén coñecido como Día dá Patria Galega, é a festa oficial da comunidade autónoma de Galicia, segundo decreto da Xunta de Galicia do 1 de xaneiro de 1979, publicado no Diario Oficial de Galicia. Celébrase o día 24-25 de xullo, día da festividade do apóstolo Santiago.
(Wikipedia)

Faro de Vigo, enero 1962

BAR “CUATRO CAMINOS”

A cargo do bar estivo longo tempo o matrimonio CAMILO GONZÁLEZ de Garabás, e CARMEN PITEIRA de Seoane.

Revista Ambiente. 1952

Camilo e Carmen tamén tiñan hospedaje.


11   TALLER REINOSO

O taller, servizo oficial de Renault, estaba a nome de JOSÉ REINOSO CRESPO, casado con Manuela Rodríguez “Lucha”.

Permiso para pozo.1957

Posteriormente, Pepe ampliou o negocio e instalouase na Fontela.


15   CHAPISTERÍA AZOR

O propietario e profesional era José Domínguez.


26 CONSTRUCCIONES ADOLFO OTERO

O señor ADOLFO OTERO LANDEIRO, coñecido co sobrenome de “O Farrusqueiro”, orixinario de Brués, foi o xenial canteiro que dirixiu as obras da construción do chalé “Col” e, posteriormente, as da Igrexa Nova .

Ao iniciar a súa andaina como mestre canteiro das obras da Igrexa Nova, vivía coa súa familia nunha casiña situada á beira das obras da Iglesia, no camiño de Rapariz.

Alí viviu coa súa familia ata que construíu a súa casa no 26 da Avenida da Estación. O señor Adolfo faleceu en setembro de 1956.

Os seus fillos, Adolfo, José Antonio, Rafael, Milagros, Salomé e Leonisa, seguindo as pegadas do seu pai, crearon unha empresa de construción.

Faro de Vigo, septiembre, 1962

Nos terreos da Travesía da Igrexa Nova, adxacentes á casa familiar, montaron os talleres e dependencias que requirían as súas actividades empresariais.

Los Hermanos Otero y Lola Cacho,delante de los solares de la familia.
Permiso para talleres. 1960

A continuación, construíron o edificio, sede da empresa e domicilio particular dos membros da familia

Permiso de construcción. 1961
Permiso de habitabilidad. Noviembre, 1962

Á fronte da empresa estaba o primoxénito, Adolfo Otero Cerdeira.


55 CANTINA ESTACIÓN

Rexentou esta cantina CARLOS BOLUDA, orixinario de Murcia, que se estableceu en Carballiño con motivo das obras do ferrocarril. Posteriormente traspasou o local a Antonio Valeiras Rodríguez, coñecido como ”Ou Colón”.


ESTACIÓN DO FERROCARRIL DO CARBALLIÑO

O historiador carballiñés Felipe Senén publicou o seguinte ártigo en Badal Novas que reflexa a historia da Estación:

Artigo : ” Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño”

Por Felipe-Senén

Na metade do século XX o Carballiño experimenta grandes cambios. Pese ás consecuencias, aos traumas da guerra, á sangría da emigración é unha atractiva vila en obras, escollida para ao veraneo e polos augüístas, onde a construción acada un modélico pulo. Intres nos que se improvisa un novo eixo urbanístico entre a  prometedora e a flamante estación do ferrocarril da vía Zamora a Coruña e o Templo da Veracruz, símbolos do corpo e alma da vila. “Novo urbanismo que a Veracruz creará” proposto polo arquitecto do templo Antonio Palacios e a sumar a recursos xa consolidados como o Balneario e o Parque. O Carballiño resultaba un catálogo arquitectónico do que se levaba do século XX, modélico polas súas construción en pedra e que na década dos setenta, por un desenvolvemento desbocado iría mudando e descoidando. Arquitecturas ben estudadas e catalogadas polo historiador da Arte Rafael Otero Janeiro, da saga dos construtores da Veracruz, que non é pouca cousa.

Estación FFCC CARBALLIÑO, Foto Felipe L. Lopez para postais Arribas (1962)

As propagandas do Estado nacionalcatolicista , para acender as paixóns. atrevíanse a comparar as obras da Veracruz como as da liña do FF.CCC. coas grandes obras da humanidade.

Proxecto  de ferrocarril que comeza a tramarse co reinado de Isabel II, metade do século XIX, a fin de unir o Noroeste con Madrid e a Meseta. Máis a orografía, a despoboación e a fantasma da previsible pouca rendibilidade foron argumentos esgrimidos dende fora para paralizar o proxecto en varios momentos, coa interesada intervención dos políticos galegos. Coa ditadura de Primo de Rivera retómase a cuestión, en boa parte incentivadas polo entusiasmo dun Calvo Sotelo, entón etiquetado como o “Ministro Bolchevique”, deputado  polo Carballiño, sumando as ansias do enxeñeiro coruñés Xosé Fernández-España Vigil, que finaría nun accidente en Verín no 1927 cando controlaba as obras. Coa Segunda República volve o tema ao debate, entre o paro, as manifestacións, as folgas e  incluso a proclamación da república galega por unhas horas , foi sobranceiro o papel de Antón Alonso  Ríos, vida digna de homenaxe.

A estación do ferrocarril supoñía recuperar a vocación de encrucillada que sempre caracterizou ao Carballiño no mapamundi, agora  complementada polos camiños de ferro. Plan que ocupa toda a primeira metade do século XX, con duros episodios: expropiacións, dificultades en construcións de túneles, viadutos, estacións, falla de cemento, os accidentes, as folgas, a silicose… O Carballiño deuno todo polo tren, entre outros como o filántropo Perfectino Viéitez ofreceron as súas propiedades a condición de que o tren pasara polo Carballiño. Un plan feito coa dignidade  que Galiza merecía e con “visión de futuro”, dun futuro que non foi, que é o noso presente, de descoñecemento, parálise e destrución.

Obras pra un futuro que  non foi e que agora é o noso presente

As obras da Veracruz e da Estación eran pros xogos daqueles rapaces que fomos como dous castelos inacabados: temerarios poñiamos as vagonetas en movemento polas vías, furábamos polos túneles subterráneos das conducións baixo a estación… Vivimos fondamente, como parte nosa a súa fábrica, a súa inauguración, a súa apoteose e o agora ….

De Zamora a Coruña, pasando. entre outras vilas avivadas, por Ourense, Carballiño, Boborás, Irixo, Lalín, Bandeira…. e Compostela, núcleos xa unidos polo tradición e agora máis nunha mesma ansia .

Obras que implican un meticuloso traballo interactivo, fundamentalmente de enxeñería, moi documentada en arquivos, memorias, revistas de ferroviarios, de colexios de enxeñeiros…. pero pouco estudado e divulgado. Plan que reúne a sobranceiros técnicos, entre eles ao enxeñeiro carballiñés Marcelino Enríquez Parrondo, que comeza deseñando a estación de Zamora e que controla canto significa o ferrocarril na súa terra. Obras que conseguintemente  moveron e agrandaron a empresas construtoras galegas, como á do enxeñeiro Rodolfo Lamas ou á do ourensán e tan querido no carballiño Emilio Suárez, asesorado este polo arquitecto do movemento moderno Antonio Ales Reinlein.

Equipo de Enxeñeiros conformada ademais de  Enríquez Parrondo por Tovar Bisbal, Vicente Machimbarrena,  Martín Gil, Antonio Salazar Martínez, Roberto Gonzalez de Agustina… os que mesmo morto Palacios e inconcluso o plan da Veracruz, ofrécense e animan ao párroco don Evaristo para continuar o programa da que sería obra póstuma do seu admirado arquitecto e mestre Palacios.

A maioría  dos proxectos das estacións do tramo de Sanabria á Coruña, entre elas a do Empalme de Ourense,  encárganselle ao enxeñeiro José Luis Tovar Bisbal,  autor tamén do fermoso e atrevido viaduto de Ourense (1933-1958). Obras de edificios de estacións pras que se fai un estudo previo das particularidades históricas dos lugares nos que teñen que actuar, movéndose dentro de presupostos da ultima faceta do Modernismo, ese rexionalismo  ou nacionalismo que tan ben representa o arquitecto porriñés  Antonio Palacios, empeñado en tres presupostos: pedras, canteiros e historia da arquitectura.  Si ben na estación do Carballiño será Marcelino Enríquez Parrondo quen firme a súa arquitectura, dentro do plan integral e racional de Tovar Bisbal no que combina tradición con contemporaneidade dentro dun plan urbanístico, con almacéns, talleres, cargadoiros de gando, virador de máquinas, torres pra transformadores eléctricos, traída de augas propia, rede subterrénea para canles de enerxía, levada e traída…Enxeñeiro que sabe o que lle compre a unha vila aberta aos camiños, esa porta de entrada e saída , de benvidas e despedidas.

Presupostos arquitectónicos que re-crean sobre a arquitectura renacentista de Gil de Hontañón, sobre o barroco compostelán e dos pazos, cos seus soportais…pero tamén cos novos materiais, como o formigón… todo coidado con meticuloso deseño: cables ocultos por conducións soterradas en túneles, deseño de portas de forxa, de balconadas, mesmo da carpintería do mobiliario, incluso pras casas da urbanización de traballadores….O  vestíbulo recuberto con mármores, molduras de escaiola, de  granito, coidadas cornixas e orelleiras de portas, luz indirecta…con murais sobre paneis realizadas por Manuel Prego de Oliver: a pastora de ovellas, e os cabalos…

Xogamos cos fillos de Prego vendo pintar esas obras nunha casiña alugada polo pintor e a familia nunha banda do estadio de Espiñedo. Medio século despois recordeillo ao pintor ourensán, que decorou tamén a cafetería que incluía cadros de caras galegas entre elementos labrados en madeira, seguindo tradicións artesáns. Queda a desgana e o mal gusto.

Vivimos  fondamente, como unha ilusión compartida e cumprida a inauguración da estación aquel 8 de setembro 1958. Sabémolo ben pois a meu pai encargáronlle, da noite pra mañá, pintar tres grandes paneis: un coa cara de Calvo Sotelo,outro coa  de Xosé Antonio e un terceiro coa de Franco…que non lle saía, saíalle cun flemón, pra borrar, volver pintar…non houbo xeito… Pesadelo entón e asunto do que ao cabo dos anos nos rimos. Os sentidos da multitude asistente ía máis cara aos asubíos da locomotora, engalanada coas bandeiras de rigor e á parafernalia dunha ditadura que asomaba  e saudaba ao paso lento e seguido do convoio.

—————————————————————————————————

GALERIA DE IMAXES DA ESTACION

1957-Aquilino Sanchez e familia inauguracion estacion
1957 Inauguración da Estación
O Guisante

AGRADECEMENTOS

En memoria dos membros da rondalla e do grupo de música “Los Poker” que faleceron e en nome dos vivos, a maioría con domicilio fóra das Terras do Orcellón, Cacho agradece a BADAL NOVAS a súa iniciativa para dar a coñecer a curta aventura daqueles mozos que viviron no Carballiño nos anos sesenta e lembrar aos seus coetáneos.

Santiago Cacho e Manuel Amil

BADAL NOVAS únese tamén ao agradecemento de Cacho por aqueles que coas súas publicacións de álbumes fotográficos facilitaron a redacción do seu blog e do que nos ocupa:

Pola nosa banda, BADAL NOVAS agradece as fotos e informacións achegadas polos familiares dos concidadáns citados no blog, os documentos gráficos facilitados por MONCHO FUENTES

Moncho Fuentes

e, sobre todo, os achegados polo traballo escolar sobre Carballiño, dirixido polo profesor JUAN VALCÁRCEL OBELLEIRO.

Grupo de Diseño ( 3º BUP Medición e Urbanismo ) do IES Nº1 . Profesor Juan Valcarcel



Se alguien quere colaborar con fotos ou documentos para enriquecer esta publicación, asi como correxir posibles erros pode facelo a través do mail info@badalnovas.com


Manuel Amil Otero. outubro de 2023