O presidente Alfonso Rueda ratifica cos veciños de Bande a importancia da estabilidade e das políticas pensadas por e para o rural que se ofrecen en Galicia

No mesmo día no que o Goberno galego aprobaba en tempo e forma, por décimo quinto ano consecutivo, os orzamentos autonómicos, Rueda tivo ocasión de poñer en valor a importancia de que Galicia non pare de funcionar e cumprir obxectivos

●         Entre as cuestións que lle trasladaron os veciños chegados de diferentes concellos da comarca da Baixa Limia, destacan a satisfacción cos servizos que se prestan no rural e a importancia de manter e fortalecer os lazos con Portugal

AVANTAR ACTIVIDADES

●         A páxina web rueda.gal permite que todo aquel que o desexe poida trasladar ao presidente aquilo que lle preocupa, o que vai ben e o que cre que pode mellorar na nosa Comunidade

18 de outubro de 2023. O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, tivo esta tarde a oportunidade de ratificar da man dos veciños de Bande, e grazas a unha nova parada no itinerario do autobús de ‘Galicia non para!’, a importancia da estabilidade que ofrece o Goberno galego á cidadanía e o éxito das políticas pensadas por e para o rural das que gozan moitos dos veciños e veciñas da comarca da Baixa Limia.

O mal tempo non conseguiu frear a ilusión e as ganas por coñecer en primeira persoa ao líder dos populares galegos que manifestaron os moitos veciños que se achegaron á Praza da Constitución, onde se ubicou o autobús que, por primeira vez, chegaba á provincia de Ourense logo de percorrer as de Pontevedra, Lugo e A Coruña.

No mesmo día no que o Goberno galego aprobaba en tempo e forma, por décimo quinto ano consecutivo, os orzamentos autonómicos; Alfonso Rueda tivo ocasión de poñer en valor a importancia de que Galicia non pare de funcionar e cumprir obxectivos. Algo que á súa vez lle agradeceu á cidadanía, xa que esta estabilidade se materializa en medidas das que todos os galegos e galegas se benefician.

Medidas como as pensadas por e para os concellos do rural e que os veciños de diferentes municipios da comarca valoran moi positivamente, tal e como lle trasladaron persoalmente a Rueda. O presidente puido comprobar así mesmo, a raíz do que lle manifestaron directamente, a importancia de manter e fortalecer os lazos entre Galicia e Portugal.

ALFONSO RUEDA SEGUE EN RUTA

Tras os exitosos encontros que previamente mantivera coa veciñanza de Bandeira, Portomarín e Porto do Son, o presidente Rueda segue así incrementando o seu coñecemento sobre os problemas reais dos galegos, as súas impresións, suxestións e inquedanzas.

Algo para o que tamén se puxo en marcha a páxina web rueda.gal; a través da cal todo aquel que o desexe poderá trasladarlle ao presidente Alfonso Rueda todo aquilo que lle preocupa, que vai ben e o que é posible mellorar.

Deste xeito, aquelas persoas que non poidan achegarse de xeito presencial aos lugares onde estea instalado o autobús de ‘Galicia non para!’, poderán facer chegar as súas suxestións a través da web (á que se pode acceder tamén a través dun código QR impreso nos posavasos que se reparten no autocar).

Ao longo dos vindeiros días e semanas, o autocar continuará a súa viaxe por diversos concellos das catro provincias galegas.