O Psdeg-Psoe de Cartelle denuncia a “grave” situación de insalubridade que se vive nas Raposeiras, onde sigue proliferando un vertedoiro ilegal denunciado xa en 2022

Tal e como apuntan dende o grupo municipal socialista “o concello non moveu un só dedo dende o mes de xullo de 2022 para pór solución e limpar esta zona e todo segue igual case un ano despois”

Jesús Pereiras afirma que “non é de recibo a inacción do goberno municipal na loita contra estes vertedoiros ilegais” e acusa ao alcalde, Jaime Sousa, e a senadora, Carmen Leyte, de “ignorar os problemas cotiás da veciñanza e de estar máis pendentes de procurar soldos”

AVANTAR ACTIVIDADES

Cartelle, 16 de marzo de 2023. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia a “grave” situación de insalubridade que se vive na parroquia de Sande, concretamente no monte comunal das Raposeiras, onde sigue proliferando un vertedoiro ilegal denunciado xa polos socialistas en xullo de 2022. Tal e como apuntan dende o grupo municipal, “o concello non moveu un só dedo para pór solución e limpar esta zona e todo segue igual case un ano despois”.

Os e as socialistas Cartelle alertan que o “pasotismo” e a “deixadez” do goberno municipal do Partido Popular está xerando que proliferen vertedoiros ilegais no municipio, o que supón un “grave perigo” para a veciñanza e a contorna. Apuntan a que o material depositado nas Raposeiras “é un polvorín, xa que en caso de lume sería totalmente incontrolable, o que podería ocasionar importantes danos ambientais e persoais”.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que “levamos meses recibindo chamadas de comuneiros que nos alertan de que non se procedeu a limpeza deste vertedoiro ilegal e de que o lixo segue aumentando”. Unha situación que segundo explican os e as socialistas “ten moi preocupada á veciñanza por mor de posible risco de lumes e pola ausencia total de limpeza dos montes por parte do goberno municipal”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez, destaca que este “desleixo” do goberno municipal do PP “non é novo”, xa que tal e como apuntan “levan anos mirando para outro lado, namentres o concello de Cartelle se deteriora”. O edil socialista explica tamén que este vertedoiro “atópase a carón da casa dun dos concelleiros do grupo de goberno” e ante esta situación pregúntase “que acontecerá noutros puntos do concello, se o goberno municipal é incapaz de solucionar un problema que está ás portas da casa dun dos seus concelleiros?”.

Pereiras Vázquez afirma que “non é de recibo a inacción do goberno municipal na loita contra estes vertedoiros ilegais” e acusa ao alcalde, Jaime Sousa, e a senadora, Carmen Leyte, de “ignorar os problemas cotiás da veciñanza e de estar máis pendentes de acumular cargos e soldos, que de solucionar as suxestións e inquedanzas dos seus veciños e das súas veciñas”.

O edil socialistas ten claro que a proliferación destes vertedoiros ilegais no municipio “vén motivado pola ausencia de vixilancia e de sancións por parte do Concellos, que parece que prefire mirar para outro lado namentres se producen estes atentados medio ambientais”. Pereiras Vázquez salienta que a situación “é insostible”, esixe “solucións para rematar coa contaminación e coa proliferación do lixo e dos vertedoiros en Cartelle” e fai fincapé en que “non vamos consentir que o PP contamine e desleixe a nosa terra, os nosos montes e a nosa natureza”.

Dende o Grupo Municipal Socialista lembran que no que vai de mandato, xa tiveron que pór en coñecemento das autoridades a aparición de varios vertedoiros ilegais fomentados pola “inacción” do goberno municipal e que lle supuxo ao Concello importantes sancións económicas. “O PP parece que lle dan igual as multas, xa que saen do peto dos veciños e veciñas de Cartelle”, afirman.