O Psdeg de Vilardevós critica que o PP ignora por completo a prevención de lumes no municipio ao non esixirlle á Xunta que cumpra coas súas competencias

IES CHAMOSO LAMAS

Os e as socialistas denuncian que a día de hoxe a brigada contra os lumes do municipio “segue sen estar activa” o que supón un “grave risco” no caso de declararse incendios no municipio

O voceiro do PSdeG-PSOE, Julio Prada, afirma que o alcalde “é incapaz de xestionar o Concello e non lle fan caso nin as administracións da súa propia cor política, o que demostra a falta total de interese por dotar ao municipio dos medios necesarios para loitar contra o lume”

OZOCOgz Deseño Galego

Ourense, 22 de xullo de 2022. O PSdeG-PSOE de Vilardevós critica que o Partido Popular ignora por completo a prevención de lumes no municipio pondo en risco as propiedades e a vida da veciñanza, ao non esixirlle á Xunta de Galicia que cumpra coa limpeza das fincas que se comprometeu a limpar  a través de Seaga, a empresa que designou a esta tarefa. Os e as socialistas denuncian que a día de hoxe a brigada contra os lumes do municipio “segue sen estar activa” o que supón un “grave risco” no caso de declararse incendios no municipio.

Dende o Grupo Municipal Socialista acusan ao alcalde do Partido Popular, Manuel Cardoso, de “pór en risco o municipio coa súa xestión nefasta e neglixente”, xa que tal e como afirman “é incapaz de esixirlle ao goberno galego que cumpra co pactado en Vilardevós en materia de prevención e extinción de lumes”. Segundo denuncian os e as socialistas “o alcalde vén de recoñecer publicamente en declaracións nun medio de comunicación que a pesar das numerosas chamadas feitas a Seaga e a Consellería de Medio Rural, non se están cumprindo os compromisos adquiridos na limpeza de parcelas, pola que a veciñanza pagou cartos no seu momento”.

Unha situación que en palabras do voceiro do PSdeG-PSOE de Vilardevós, Julio Prada Hohenstein amosa “a falta de capacidade do rexedor do noso municipio para previr e loitar contra posibles lumes”. Neste senso, o edil socialista afirma que o alcalde “é incapaz de xestionar o Concello e non lle fan caso nin as administracións da súa propia cor política, o que demostra a falta total de interese por dotar ao municipio dos medios necesarios para loitar contra o lume”.

Prada Hohenstein tamén denuncia que Manuel Cardoso “opta por cargar contra o Goberno central, que hai que lembrar non ten as competencias en materia de prevención e loita contra o lume, en lugar de esixirlle os seus superiores do Partido Popular que asuman as competencias que lle corresponden”. “É inaudito que a 22 de xullo a brigada contra lumes de Vilardevós sega sen estar operativa e máis cando estamos vendo unha cantidade de lumes descontrolados e que provocaron a queima de milleiros de hectáreas coma nunca antes se viu na provincia”.

O tractor municipal para desbroces e limpeza segue paralizado

Dende o Grupo Municipal Socialista tamén aproveitan para volver a denunciar que o tractor municipal, encargado de facer desbroces e limpeza dos camiños, propiedades municipais e montes segue “totalmente paralizado e sen empregarse, a pesar do grave risco de incendio que estamos a vivir nas últimas semanas”. Unha circunstancia que en palabras do voceiro socialista vén a demostrar “o neglixente funcionamento do Concello de Vilardevós da man do Partido Popular”.

Tal e como denuncian os socialistas “dende o despedimento improcedente do traballador que se dedicaba a estas tarefas en xullo de 2021, non se volveu a empregar o tractor, a pesares da necesidade urxente de polo en funcionamento e ao servizo da veciñanza”. Os socialistas presentaron por escrito varias preguntas neste senso, pero denuncian que o alcalde “só deu escusas baratas e de mal pagador” e acúsano de “ir contra os intereses da veciñanza en favor dos seus propios”