Paco Sarria defendeu o xornalismo que é capaz de atopar “o lado máis humano e solidario da actualidade”, ao recoller o premio ‘Xosé Aurelio Carracedo’

ENTREGA DO XXXV PREMIO DE XORNALISMO XOSÉ AURELIO CARRACEDO O presidente provincial, Luis Menor, preside o acto de entrega do XXXV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo. No Centro Cultural Marcos Valcárcel. O premio é para Diego Freire polo documental "Quen contamina a Limia", un accesi Xosé Luis Colmenero polo traballo "Ournense baixo o lume, risco e resultado" e o premio a traxectdoria profesional a Paco Sarria. Tamén asisitiu Miguel Carracedo (Sobriño de Xosé Aurelio Carracedo).
---------------------------------------------------------------------------------------------------------

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A Deputación de Ourense celebrou hoxe a entrega do XXXV Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo”, unha das distincións máis prestixiosas da comunicación galega, creada para honrar a memoria do histórico xornalista ourensán e para recoñecer a excelencia profesional no ámbito dos medios de comunicación.

O acto estivo presidido polo presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen destacou a vixencia dun galardón que alcanza xa as súas trinta e cinco edicións e que continúa recoñecendo os valores fundamentais do oficio xornalístico: o rigor, a honestidade, a investigación e o compromiso coa cidadanía.

Durante a súa intervención, Menor reivindicou o papel esencial dos profesionais da comunicación nun contexto marcado pola inmediatez e a proliferación de contidos sen contrastar, defendendo a importancia dun xornalismo que informe con responsabilidade, espírito crítico e vocación de servizo público. “Nun mundo cada vez máis acelerado, máis dixital e máis condicionado pola inmediatez, necesitamos seguir defendendo o valor da información veraz, do contraste dos feitos e do espírito crítico. E nesa tarefa, os xornalistas continúan desempeñando un papel fundamental”, reivindicou o presidente provincial.


OS MELLORES ESTABLECEMENTOS


Paco Sarria, premio honorífico á traxectoria profesional

O Premio Honorífico á Traxectoria Profesional foi concedido a Francisco Xosé González Sarria, unha das voces máis recoñecidas do xornalismo galego e referente da información de proximidade en Ourense. A súa carreira profesional, desenvolvida ao longo de máis de corenta anos, abrangue medios como Ondas Galicia, COPE, TVG, Radio Miño-Onda Cero, La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, a axencia EFE ou El País. Ademais, desempeñou un destacado labor na defensa da profesión desde o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, do que foi decano durante oito anos.

No seu discurso de agradecemento, Paco Sarria reivindicou o papel do xornalismo local e advertiu dos riscos derivados da desinformación e da proliferación de contidos que non responden aos estándares profesionais do oficio. O premiado defendeu o denominado “xornalismo de quilómetro cero”, aquel que permanece pegado á realidade máis próxima e que é capaz de atopar “o lado máis humano e solidario da actualidade”, así como a necesidade de preservar a honestidade, a pluralidade informativa e o uso da lingua galega como vehículo de comunicación.

Diego Freire reivindica a independencia dos medios alternativos

O Premio ao Mellor Traballo Xornalístico, dotado con 4.000 euros, recaeu en Diego Freire Fernández, de Noticias Dispersas, polo documental “Quen contamina a Limia”. O xurado destacou a calidade dunha investigación centrada nun asunto de gran relevancia social, valorando tanto o seu rigor informativo como a súa capacidade para trasladar cuestións complexas dunha maneira clara e accesible para a cidadanía.

Durante a súa intervención, Freire quixo compartir o galardón con Alfonso Cid e coa emisora Radio Liverdade, colaboradora no proxecto, e aproveitou para reivindicar a independencia dos medios alternativos e a necesidade de avanzar cara a modelos economicamente sostibles que permitan desenvolver un xornalismo libre de condicionantes externos. O premiado subliñou tamén a importancia de situar a saúde das persoas por enriba de calquera outro interese e defendeu a capacidade dos medios independentes para contribuír ao debate público desde perspectivas complementarias ás dos grandes grupos de comunicación.

O valor do xornalismo de proximidade

O accésit ao segundo mellor traballo, dotado con 1.000 euros, foi concedido a Xosé Lois Colmenero Fernández, do Diario do Támega, polo traballo “Ourense baixo o lume: compromiso, risco e resultado”. O xurado recoñeceu o labor desenvolvido por este medio de proximidade no seguimento dos incendios forestais e a súa capacidade para informar desde o territorio mantendo unha perspectiva crítica e rigorosa sobre os asuntos que afectan á veciñanza.

Na súa intervención, Colmenero destacou que recibir un premio que leva o nome de Xosé Aurelio Carracedo supón unha grande responsabilidade e reivindicou a importancia dos medios locais como expresión dun xornalismo próximo á realidade diaria das persoas. O xornalista definiu este recoñecemento como unha homenaxe ao conxunto dos medios de comunicación de proximidade, “modestos pero indispensables”, que desenvolven o seu labor directamente sobre o territorio e manteñen un contacto permanente coa realidade social das comarcas.

ENTREGA DO XXXV PREMIO DE XORNALISMO XOSÉ AURELIO CARRACEDO O presidente provincial, Luis Menor, preside o acto de entrega do XXXV Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo. No Centro Cultural Marcos Valcárcel. O premio é para Diego Freire polo documental “Quen contamina a Limia”, un accesi Xosé Luis Colmenero polo traballo “Ournense baixo o lume, risco e resultado” e o premio a traxectdoria profesional a Paco Sarria. Tamén asisitiu Miguel Carracedo (Sobriño de Xosé Aurelio Carracedo).

Un premio consolidado

O Premio de Xornalismo “Xosé Aurelio Carracedo” constitúe unha das iniciativas máis consolidadas da Deputación de Ourense no ámbito da comunicación, contribuíndo desde hai tres décadas e media á promoción do xornalismo de calidade e ao recoñecemento dos profesionais que exercen o oficio con rigor, independencia e compromiso coa sociedade. Nesta edición, os discursos dos tres galardoados coincidiron nunha mesma idea: a necesidade de seguir fortalecendo un xornalismo próximo, honesto e comprometido coa realidade das persoas, especialmente nun contexto no que a información veraz resulta máis necesaria ca nunca.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------