Manuel Baltar: “José Rodríguez Dobaño ‘Peitos’ resume na súa figura os mellores trazos do que é ser un concelleiro”

O presidente da Deputación participou esta mañá na homenaxe ao edil de Porqueira falecido en setembro: “Todos os que tivemos a sorte de coñecelo podemos dicir o mesmo. Seremos os mellores embaixadores do seu recordo”

Porqueira, 5 de novembro de 2022.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participou esta mañá na homenaxe organizada polo Concello de Porqueira para honrar a figura de José Rodríguez Dobaño “Peitos”, concelleiro falecido en setembro deste ano. 

AVANTAR ACTIVIDADES

A homenaxe a Peitos celebrouse fronte ao edificio multiusos municipal, que dende hoxe leva o nome de José Rodríguez Dobaño coma homenaxe institucional. O acto, enmarcado no tradicional magosto de Porqueira, contou coa presenza de centenares de veciños ademais de alcaldes e concelleiros de diferentes puntos da provincia. Na homenaxe interviron Manuel Baltar; a alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez; o  afillado de Peitos, Félix; e o veciño José Castro. 

“Peitos foi un verdadeiro servidor público. Na súa figura quedan resumidos os mellores trazos do que é ser un concelleiro”, destacou Manuel Baltar, que recordou a última visita institucional a Porqueira, este mesmo ano: “Aí estaba José Rodríguez, pensando e pelexando como durante máis de tres décadas por novos proxectos. Falando do futuro do seu pobo, sabendo sempre a importancia de ser positivos e construtivos”. 

O presidente da Deputación ponderou a “fonda pegada” que deixa Peitos: “Todos os que tivemos a sorte de coñecelo podemos dicir o mesmo. Seremos os mellores embaixadores do seu recordo”. 

Pola súa banda, a alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, quixo recoñecer a “máxima implicación” de Peitos con Porqueira: “Foi unha persoa leal, comprometida e traballadora. Sempre estaba disposto a atender aos veciños, axudando a resolver calquera problema, amosando toda a súa colaboración neste proxecto colectivo ao que adicou máis da metade da súa vida”. 

Mentres tanto, o seu afillado Félix, e José Castro, valoraron a figura de Peitos, “unha persoa que deixa un baleiro difícil de asimilar. Todos os veciños o queremos e o recordaremos”.