Ourense, 27 de outubro de 2023.- A Corporación provincial de Ourense celebrou hoxe o seu pleno ordinario correspondente ao mes de outubro, a cuxo remate os deputados provinciais gardaron un minuto de silencio en recordo o ex deputado provincial e exalcalde da Teixeira, Miguel Antonio Cid.
O Pleno, seguindo a orde do día, adoptou os seguintes acordos:
Modificación da ordenanza reguladora do BOP
A corporación provincial aprobou modificar a ordenanza reguladora do servizo do Boletín Oficial da Provincia de Ourense no marco da lexislación básica do Estado, Lei 5/2002 de 4 de abril, que regula os boletíns oficiais das provincias. Con esta modificación establécense as condicións e garantías para que o BOP -publicado na web desta institución provincial-, teña os mesmos efectos que os atribuídos á súa antiga edición impresa, asegurando a autenticidade, integridade e inalterabilidade dos seus contidos, os cales terán a consideración de oficiais e auténticos.
Tamén para impulsar o emprego e aplicación das técnicas e medios electrónicos e informáticos na prestación do servizo público do BOP, permitindo avanzar cara á modernización administrativa e á vez achegar a seguridade xurídica necesaria mellorando as canles de información á cidadanía. Así mesmo, prevé as medidas necesarias para facilitar a consulta pública e gratuíta do BOP, para que ningún cidadán sexa discriminado polo feito de non dispoñer dos medios electrónicos necesarios.
Con esta modificación adáptase ao novo procedemento administrativo derrogándose expresamente a anterior ordenanza que databa do ano 2008.
Representantes dos grupos políticos no Inorde
Os representantes titulares e suplentes dos grupos políticos no Inorde son:
- PSOE
Titular: Susana Rodríguez Estévez. Suplente: Álvaro Vila Araújo.
- BNG
Titular: Xosé Manuel Puga González. Suplente: Fátima Nieves Fernández.
- DO
Titular: Rafael Martínez Cachafeiro. Suplente: Armando Ojea Bouzo.
- PP
Titular: Aurelio Gómez Villar. Suplente: Marta Nóvoa Iglesias.
Delegación na Deputación da recadación do Concello de Calvos de Randín
O Concello de Calvos de Randín delega na Deputación de Ourense a recadación executiva, así como a revisión dos actos ditados dos seguintes tributos e demais ingresos de dereito público: imposto de bens inmobles (urbana e rústica); imposto sobre vehículos de tracción mecánica; imposto sobre actividades económicas; taxa de lixo; recadación dos gastos derivados de execucións forzosas, e as multas coercitivas.
Delegación na Deputación da recadación do Concello de Sandiás
Aceptouse a delegación de competencias solicitada polo Concello de Sandiás a favor da Deputación para a recadación executiva, así como para a revisión dos actos ditados dos seguintes tributos e demais ingresos de dereito público: os gastos e multas derivados de execucións forzosas; o imposto sobre construción instalación e obras; as sancións impostas, e as taxas de auga e saneamento.
Modificación orzamentaria do Inorde
Aprobouse o expediente de modificación orzamentaria (n.º 2/2023) do Inorde que permite suplementar as partidas dos dous xeodestinos que xestiona este organismo: Terras de Celanova-Serra do Xurés e o de Trevinca-Valdeorras, así como unha partida de 39.500 euros para colaborar cos Concellos de Parada de Sil, Castro Caldelas, A Veiga e O Carballiño en proxectos turísticos, enogastronómicos ou agrogandeiros.
Modificación orzamentaria da Deputación
A modificación de crédito aprobada (nº 6/2023) ascende a 10,2 millóns de euros, dos que 5,6 irán destinados a cooperación coa totalidade dos concellos da provincia, ademais de 7 mancomunidades de concellos. Así mesmo, esta modificación permitirá colaborar con 21 entidades sociais, empresariais ou deportivas con 318.000 euros. Mentres, 4,3 millóns estarán dedicados a necesidades de xestión. Desta cantidade, algo máis da metade (2,8 millóns) ten como fin a cancelación do único préstamo vivo que mantiña a Deputación con entidades financeiras, polo que definitivamente a débeda da institución será “0”.
Modificación da ordenanza fiscal das taxas do lixo
Actualízanse as taxas do servizo intermunicipal delegado de recollida, tratamento e eliminación de residuos sólidos urbanos e dos puntos limpos da provincia. Esta actualización adecúase ás subas derivadas da prestación do servizo e tendo en conta a rebaixa de SOGAMA.
Ordenanza reguladora da recollida e tratamento de residuos industriais non perigosos
Aprobouse a ordenanza reguladora do servizo público supramunicipal de recollida e tratamento de residuos industriais non perigosos e especiais. Trátase dun sistema de prevención medioambiental e de recollida de residuos nas zonas industriais de Ourense, especialmente no polígono de San Cibrao das Viñas, a zona comercial Barreiros, o parque empresarial de Pereiro de Aguiar e a zona industrial de Seixalbo.
O servizo comprende a recepción no centro verde de residuos de orixe industrial de tipo non perigoso e especial -situado no Polígono de San Cibrao-, producidos dentro do ámbito territorial desta ordenanza, así como a recollida e recepción “porta a porta” nas industrias e empresas dos produtores destes residuos.
Ordenanza reguladora da prestación patrimonial polo servizo de recollida e recepción de residuos industriais non perigosos
Acordouse a ordenanza reguladora da prestación patrimonial de carácter público non tributaria polo servizo supramunicipal de recollida e recepción de residuos industriais non perigosos e especiais. O documento recolle os importes segundo o tipo de materiais a tratar e o custo por tonelada. Esta medida permitirá ofrecer este servizo a moitas empresas pequenas a un custe inferior ao que teñen que pagar a unha empresa xestora de residuos.
O servizo inclúe a recepción no centro verde de residuos de orixe industrial de tipo non perigoso ou especial producidos nos municipios da provincia de Ourense, así como a recollida e recepción “porta a porta” nas industrias e empresas situadas na provincia de Ourense. O ámbito territorial de aplicación desta ordenanza abrangue o Polígono Industrial de San Cibrao, o Parque Empresarial de O Pereiro de Aguiar, a zona comercial Barreiros e a zona industrial de Seixalbo.
Capítulo de mocións
Axilizar os trámites das axudas do IDAE:
- Instar ao IDAE a adoptar as medidas oportunas co fin de axilizar as tramitacións, previas á contratación, dos expedientes relativos ao programa de axudas para a renovación das instalacións de iluminación exterior municipal concedidas polo IDAE (Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía); e habilitar un teléfono de contacto e non limitar a comunicación o correo electrónico, remitindo todos os requirimentos a vez, para así non retrasar o pago das mesmas.
- Instar ao IDAE a activar os medios técnicos necesarios que permitan incorporar as xustificacións esixibles para tramitar a cobranza da parte subvencionable, xa adiantada por parte dos concellos, e que está a ocasionar tensións moi importantes na súa tesourería, axilizando o pago da subvención sen que o ingreso da mesma supere o ano natural.
- Instar ao IDAE a incluír nas diferentes ordes de subvencións a posibilidade de anticipar o importe concedido para que así non se vexan afectadas as Tesourerías dos Concellos.
- Instar ao IDAE a urxir a necesidade de volver á modalidade de subvencións a fondo perdido ao 100 % -ou en todo caso ao 80 %-, e non a préstamo ao 0% como na última convocatoria.
- Instar ao Goberno de España a aumentar o importe nos Orzamentos Xerais do Estado para estas medidas, dado que a “acción polo clima” é un dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, tan anunciados polo Goberno de España.
Paco de Pedre
- Adherirse ás peticións que encabezan os sete concellos agrupados en torno ao Paco de Pedre para esixir a mellora integral da estrada nacional N-541, conscientes da importancia que esta vía de comunicación ten para os veciños destes concellos, das dúas provincias e da nosa cidade.
- Solicitarlles aos Grupos Políticos do Parlamento de Galicia que apoien as iniciativas que os alcaldes están impulsando desde o Pacto de Pedre para trasladarlle ao Goberno Central a necesidade de acometer a mellora integral da seguridade vial na estrada N-541, ao tempo que emiten unha declaración de apoio pública da necesidade de mellora.
- Demandarlles á Xunta de Galicia e ao Goberno Central o inicio dun estudo para a creación dunha autovía Pontevedra-Carballiño, con conexión cara Lalín, que permita unha mellor vertebración viaria do interior da provincia de Pontevedra, ao tempo que crea unha alternativa eficaz á N541, estrada que hoxe funciona como único trazado real para a veciñanza e traballadores.
- Instar ao Goberno de España a que acometa, coa maior urxencia posible, a mellora integral da estrada N-541 Pontevedra-Ourense, na totalidade do seu percorrido, de tal xeito que se garanta a seguridade da vía e reduza a elevada sinistralidade que presenta.
Enlace entre as autovías A-52 e AG-31
- Instar ao Goberno de España e á Xunta de Galicia á execución completa e integral dos tramos que faltan por levar a cabo da denominada ‘ronda este A52-A76 incluída no plan sectorial da rede viaria de Ourense, e denominada pola consellería ‘vía de conexión da A-52 co Polígono de San Cibrao’.
- Instar ao Goberno de España e á Xunta de Galicia á execución da parte da infraestrutura que resta por construírse con características de autovía ou vía de alta capacidade, co obxectivo de facilitar a mobilidade e mellorar a conexión entre o polígono industrial de San Cibrao e o Parque Tecnolóxico coa autovía A-52.
- Instar ao Goberno de España e á Xunta de Galicia a estudar, dentro da colaboración institucional, cal ou cales son as administracións competentes para a realización deste tipo de proxectos.
Tramitación da Central Hidroeléctrica reversible en Castrelo de Miño, Arnoia e Cartelle
- Instar aos concellos de Castrelo de Miño, Cartelle e A Arnoia e á Deputación de Ourense a facer pública e comunicar á veciñanza cal foi posición que estas institución trasladaron ao MITECO a respecto do proxecto de Central Hidráulica Reversible na fase potestativa, na que estas institucións se tiñan que pronunciar e que a veciñanza pediu que se paralizase xa nesta fase.
- Demandar do goberno central que rexeite a elaboración o documento de determinación do alcance do estudo de impacto ambiental da central hidroeléctrica reversible Castrelo de Miño nos concellos de Castrelo de Miño, A Arnoia e Cartelle promovida pola empresa San Isidro Solar 3 SL para protexer os intereses dos galegos e galegas ante o prexuízo ambiental, económico e social que tería.
- Instar á Xunta de Galicia a que demande as debidas competencias para que Galicia xestione directamente os seus ríos e bacías. Co fin último de evitar que empresas eléctricas comprometan os intereses ambientais, económicos e sociais do País e exploten os nosos recursos naturais de costas os intereses das galegas e galegos.
- Instar á Deputación Provincial de Ourense a remitir as alegacións necesarias e desenvolver cantas actuacións sexan precisas para a paralización do proxecto de central hidroeléctrica reversible e da megabalsa do coto Novelle.
Mitigar os efectos do cambio climático na colleita da castaña
1. Que a Deputación de Ourense se poña abertamente do lado do sector para garantir o futuro da actividade e inste á Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia á aceleración da posta en marcha dun plan integral para a revitalización dos castiñeiros do oriental ourensán que contemple un estudo en profundidade para a diagnose dos motivos da continuada caída da produción nas comarcas produtoras, chegando a establecer as orixes certas do problema (patoloxía por fungos, praga, déficit hídrico ou unha mestura destas causas).
2. Que a Deputación de Ourense inste á Xunta de Galicia a promover, incentivando a colaboración entre universidades galegas e os diferentes actores do sector da castaña, a investigación de solucións adaptadas ás condicións de cada comarca que inclúa a selección de variedades de produto resistentes á seca e ás altas temperaturas, así como fórmulas que permitan o enxertado seguro de árbores máis resistentes aos andazos.
3. Que a Deputación de Ourense inste á Xunta de Galicia á adopción urxente de axudas directas ao sector da castaña do oriental ourensán para que produtores, almacenistas e empresas de transformación, entre outros actores afectados, sexan quen de facer fronte ás perdas da presente campaña, así como a activación de liñas de subvención para que se apliquen nos soutos medidas fitosanitarias precisas para paliar os efectos de patoloxías, pragas e déficits hídricos.