Erik Dobaño: ! Ábrete de orellas !

Facemonos eco da crónica que publica Erik Dobaño no seu facebook do acto celebrado o sábado no Museo da Limia onde Luis Álvarez Pousa fixo a presentación do seu libro. Medios e políticos baixo sospeita, 1990-2003

O Museo da Limia acolleu este sábado a moi Interesante presentación do xornalista limiao Luís Álvarez Pousa dun libro que recompila artigos seus dun período de tres décadas (1990-20023) no que fala desde un coñecemento directo da actualidade política do país das relacións e submisións do xornalismo ao poder político. Álvarez Pousa considera que o espazo mediático do país foi unha creación de Manuel Fraga e así se mantén en base a unha lóxica de intercambio: ti dásme, eu douche. Neste contexto, o xornalismo galego (e o xornalismo en xeral) continuaría en “crise” e nunha deriva de “incumprimento do seu labor social”. Estes últimos anos, ademais, lastrado pola incapacidade de fixar “a verdade” coa conseguinte perda de “credibilidade e prestixio”. É una descrición amplamente asumida do estado das cousas, e Álvarez Pousa ten a experiencia suficiente para poder soster de que antes do Fraga-autonomista, co Fraga-franquista á fronte do ministerio de Información do réxime, as cousas eran (un pouco) distintas e no país, nos grandes medios que se fixeron grandes entre 1936 e 1976 baixo o manto da ditadura. Naqueles anos do inacabábel estertor fascista había fendas polas que transmitir determinados discursos, e mesmo xornalistas audaces como Francisco Pillado (o pai de Francisco Pillado Maior, que andando o tempo sería o representante do Bloque no consello da RTVG).A batalla neses grandes medios perdeuse hai tempo -quizais no mesmo tempo que se perderon outras batallas decisivas no lapso entre finais dos 70 e comezos dos 80- e aquelas fendas ficaron pechadas para sempre. O “gran xornalismo” dos correspondentes no estranxeiro e os equipos de investigación foron cousa duns anos. E a fonte do “prestixio” xornalístico sufriu un traslado: do ser ao estar. Esa transición e esa derrota sufrírona varias xeracións de xornalistas, que aínda non asumimos esa derrota… De aí que o relato ao que se amarra Álvarez Pousa sexa o relato dunhas xeracións que adoecen coa nostalxia. Si, pode que iso sexa o que pasou. Mais explica moi pouco do que pasa hoxe, que tampouco ten nada que ver coa “pos-verdade” nin coa precariedade nin co poder moi poderoso de quen mandan sobre os medios e nos partidos.A mellor lección de xornalismo dérona onte no Museo da Limia dous medios que fan gala de humildade porque traballan desde aí, dous xornalistas sen título de xornalista, que están a aprender o oficio desde a humildade que dá a experiencia e que camiñan no proceso de consolidar medios cunha feble estrutura empresarial… sen pretensións. Porque a pretensión de rescatar o “gran xornalismo” a través de medios “alternativos” por xornalistas “expertos” expulsados dos grandes medios está a resultar tan vana como a pretensión de crear medios “alternativos” seguindo as mesmas pautas empresariais (é dicir, a lóxica do ti dásme, eu douche) e xornalísticas (a lóxica do prestixio, do estar) dos grandes.Parece unha aberración xornalística publicar notas de prensa sen filtrar. Mais é unha solución que fala das posibilidades de facer xornalismo no contexto actual. É unha mala solución? Non o sei, pero haberá que avaliala desde a realidade dos medios que están a facer o único xornalismo “alternativo” que se fai neste país, e non desde posicións “académicas” do ideal do gran xornalismo… que xa desapareceu. Parte do éxito do Luis (Dende A Limia) e do Manuel (Badal Novas) radica en que non veñen do xornalismo, do único xornalismo que había até a expansión de Internet. E que están a aprender o oficio por si mesmos, con todas as eivas que iso supón fronte a quen puido aprender o oficio no taller das redaccións… outra cousa que desapareceu: as redaccións, no sentido de taller onde se practica e aprende o oficio.

AVANTAR ACTIVIDADES

Estas realidades non as impuxo Fraga, teñen outras causas e afectan a panaderías, zapatarías e calquera manufactura como ten estudado amplamente, por exemplo, Richard Sennett, por citar unha fonte de autoridade coas que se entusiasma a academia.O oficio e a empresa de contar non desapareceu porque “a necesidade social” segue viva. E esa necesidade apuntala os seus propios medios, novos talleres, o mesmo oficio. O Consello Editorial (quen supervisa desde o coñecemento e a experiencia a produción diaria) dos pequenos medios locais son as veciñas e os veciños. O filtro da “verdade” son eles. A experiencia de sentirse escoitados, de que os seus problemas e os seus soños importan, de que as cousas que acontecen acotío e que lles acontecen son “importantes” para seren contadas establece un vínculo moi forte. O xornalismo naceu así (está en moitas películas de John Ford, por exemplo). Merece todo o aplauso a iniciativa do Museo da Limia de xuntar experiencias e visións xornalísticas de dous contextos sempre separados. O libro de Álvarez Pousa ten ademais o valor dun testemuño desde a primeira liña do que foi o xornalismo máis politicamente consciente e belixerante deste país nas últimas décadas. E para moitas, a escrita de Pousa foi unha inspiración e un empurrón para tirarse á piscina do xornalismo. É un clásico. Afortunadamente vizoso e abofé que se nutrirá do que escoitou onte dun xornalista mozo como Álvaro, da SER e Radio Limia, formado na academia e nun gran medio, e xornalista local con moi boa orella. “Eu tampouco podo poñer moito filtro ao que se di. A radio é así. E quen mellor conta as cousas son a xente coa que falamos. Hai que escoitalos”, dixo.As orellas son a ferramenta principal do xornalismo, hoxe coma antes.